O Grupo Municipal Popular de Xermade pedirá no vindeiro pleno da corporación municipal “a inmediata tramitación do expediente do inventario de camiños de cara á súa aprobación definitiva; unha vez corrixido atendendo ás numerosas alegacións sobre erros e imprecisións que foron presentadas polos propietarios de fincas e usuarios”.
O voceiro popular, Antonio Riveira, sinala que “así o recolle un informe técnico-xurídico emitido polo Concello ante as consultas dos veciños sobre a posibilidade de que os camiños sexan públicos”. O propio informe recolle que “se debe revisar o documento e informar sobre as alegacións presentadas na fase de exposición pública que aínda non foron resoltas dende a aprobación inicial do inventario de camiños no pleno do 12 de abril do 2018 cos únicos votos da favor do equipo de goberno”.
A través dun rogo, o Grupo Municipal do PP esixe tamén ao goberno local que “o Concello dea a coñecer aos veciños os criterios para a realización da corrección do inventario de camiños coa finalidade de que coñezan a situación dun documento que é de vital importancia para as súas relacións coa administración e co resto de usuarios”.
Aclarar a titularidade pública dos camiños
Durante a elaboración do inventario de camiños, realizáronse planos que reflicten a titularidade pública de camiños atendendo ao informe xurídico baseado na normativa vixente. Neste sentido, Riveira advirte que “se dan casos nos que se retira da cartografía catastral parte dun camiño e se mantén noutro treito, totalmente illado do resto”, cita como exemplo. É por iso polo que os populares demandan “un traballo serio por parte do goberno do Concello” porque “cun documento erróneo non pode facerse un traballo razoable nas fases posteriores”, conclúen.