Partido Popular de Lugo

O PP de Burela defenderá no vindeiro pleno “a inmediata execución das obras de conexión da zona de Ril á rede de saneamento municipal”

O Grupo Municipal Popular de Burela cre que se pode considerar “discriminatorio” que as vivendas da zona de Ril aínda non dispoñan de conexión á rede de saneamento municipal, tendo en conta o carácter particularmente urbano do municipio de Burela.

 

É por iso polo que defenderán na vindeira sesión plenaria deste xoves unha moción para “instar ao Concello á inmediata execución destas obras” que garantan a prestación deste servizo de carácter básico e de competencia municipal.

 

A iniciativa dos edís populares recolle a redacción do proxecto, en caso de que o Concello de Burela non o teña feito a día de hoxe, antes de que finalice o presente ano. Así mesmo, propoñen que “dita obra se inclúa no apartado de inversións reais para o presuposto do vindeiro ano 2022” e tamén que o Concello busque financiamento para esta obra nas administracións supramunicipais atendendo ao seu carácter medioambiental.

 

Condonación da débeda da PIE do 2020 por parte do Estado

O Grupo Municipal Popular de Burela presenta tamén outra iniciativa para instar ao Goberno de España a condonar a débeda xerada pola liquidación negativa da PIE de 2020 “de cara a paliar as graves consecuencias que terá sobre os concellos no vindeiro ano 2022”. E, se esta medida non se puxera en marcha, “esixir ao Goberno que aprace dous anos a devolución de dita débeda e que posibilite o fraccionamento do pago da mesma en 120 mensualidades, é dicir 10 anos, ampliables a outros 120 meses máis en caso de que existan problemas de liquidez, tal e como xa se fixo no ano 2012 coas liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009”.

 

Os populares agardan que “a corporación municipal apoie esta iniciativa na defensa dos intereses dos veciños e das veciñas”; xa que se trata dun asunto de vital importancia de cara á solvencia das contas municipais e, polo tanto, de cara a garantir a prestación de servizos aos bureleses.

 

O voceiro, Manuel Rouco, explica que “o goberno de Sánchez reduciu a participación da administración local na xestión dos fondos de recuperación europeos ata o 1%, o que supoñen uns 1.400 millóns de euros, unha porcentaxe que queda moi lonxe do 14,6% que representa o gasto público local sobre o gasto público total español. E tamén tratou de apropiarse dos aforros das entidades locais e segue sen devolver os máis de 700 millóns de euros que lle debe ás entidades locais en concepto de entregas a conta da recadación do IVA do ano 2017”.

 

“Por se todo isto fora pouco, ao actualizar en 2020 as entregas a conta que reciben as entidades locais pola participación nos tributos do estado (PIE) conforme ao crecemento previsto da economía e ao crecemento real, as entidades locais contraeron de maneira automática, e sen ningunha responsabilidade pola súa parte, unha débeda de 3.000 millóns de euros co Goberno de España derivada dunha liquidación negativa”, engade.