O Grupo Municipal do PP de Cervantes reitera ao alcalde e ao goberno local a petición para adherir o Concello ao convenio subscrito entre a Xunta, a FEGAMP e Seaga en relación á xestión da biomasa nas faixas secundarias de cara á prevención e defensa contra os incendios forestais. O voceiro, Javier Santín, explica que “este é un requisito indispensable para que os nosos veciños se poidan beneficiar dos distintos instrumentos da Xunta para a posta en valor dos terreos do medio rural; tal e como explicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé, durante a súa visita ao noso municipio”.
Santín lamenta que “aínda non se teña materializado a adhesión a este convenio”, a pesar de que xa lle trasladara persoalmente en agosto do 2018 ao rexedor a conveniencia de que Cervantes conte con este instrumento para manter limpas as faixas secundarias e rozadas as zonas máis próximas ás vivendas. Condena esta falta de iniciativa por parte do goberno local, especialmente, “tralos fatídicos incendios de outubro do 2017 que nos fixeron máis conscientes aos cervantegos da necesidade de aplicar medidas de prevención para tratar de evitar o risco de lumes”, segundo sinala o voceiro do PP.
O popular asegura que “manter libres de maleza os terreos e franxas forestais é unha liña mestra a seguir de cara ao futuro para a protección das nosas aldeas”. Nese sentido, convida ao goberno local “a levar a cabo traballos de prevención nas zonas da súa competencia e a desenvolver actuacións de concienciación para trasladar aos veciños a importancia de desbrozar as zonas próximas aos núcleos de poboación”.
Recuperación de terras
Santín explica que “a directora xeral do AGADER e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, achegaron información aos veciños sobre a xestión do monte e as características e as vantaxes do desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo que pode ser un recurso interesante a aplicar no noso municipio”. Trátase dunha figura recollida na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia aprobada o 11 de maio no Parlamento galego.
Tamén estiveron presentes na visita as deputadas populares no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo e Elena Candia -voceira da Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes e presidenta do PP na nosa provincia- que tamén explicaron que “as aldeas modelo contribúen na prevención de incendios forestais porque permitan manter controlada a maleza a través da actividade agrogandeira e forestal na contorna dos núcleos de poboación”.