Partido Popular de Lugo

O PP reúnese cos veciños de Cervantes para informar dos instrumentos da Xunta para a posta en valor dos recursos do rural

Os populares de Cervantes desenvolveron unha reunión cos veciños para explicar os instrumentos que ten en marcha a Xunta de Galicia de cara á posta en valor dos recursos do seu medio rural. Á xuntanza de traballo asistiu a deputada autonómica Encarna Amigo dando continuidade ás súas responsabilidades unha vez rematado o período de sesións no Parlamento de Galicia. Amigo estivo acompañada da presidenta provincial e tamén compañeira na Cámara do Hórreo, Elena Candia.

 

Os populares achegaron máis de preto información aos veciños Cervantes sobre as características e as vantaxes do desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo de forma que os propietarios de terreos agroforestais se poidan ver beneficiados desta figura que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia aprobada o 11 de maio no Parlamento de Galicia.

 

A deputada popular explicou que “as aldeas modelo pretenden fomentar a actividade agrogandeira e forestal na contorna dos núcleos de poboación á par que contribúen na prevención de incendios forestais porque permitan manter controlada a maleza a través da propia actividade neses terreos”.

 

A Xunta está a tramitar un decreto para o desenvolvemento normativo dos montes de varas de cara á súa recuperación e xestión activa que se apoiará nas diferentes liñas de axudas abertas pola Consellería do Medio Rural. É dicir, “a Xunta aposta por estes terreos forestais, que en Cervantes suman unha superficie de máis de 2.700 hectáreas, de forma que os veciños tamén se poderán ver beneficiados por esta iniciativa”.