Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba pide a comparecencia do goberno para explicar por que se encargou a Tragsa a prestación do servizo de limpeza dos centros escolares

O Grupo Municipal do PP de Vilalba pide a comparecencia “urxente e inmediata” do goberno municipal, a través da señora alcaldesa ou do encargado da concellería correspondente, para dar conta do procedemento polo que se encargou á empresa pública Tragsa a prestación do servizo de limpeza de centros escolares e outras instalacións públicas dependentes do Concello de Vilalba.

 

Os populares condenan “a absoluta falta de transparencia que xa parece unha norma de conduta” e tamén que “este tipo de adxudicación se faga ás agachadas, sen ofrecer información de ningún tipo nin aos grupos da corporación nin á cidadanía”. Polo tanto, “ao carecer por completo de información”, esixen explicacións sobre “as razóns de urxencia e necesidade que xustifiquen recorrer a Tragsa para a prestación do servizo”.

 

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, explica que “as dificultades económicas da anterior concesionaria xa eran coñecidas e o goberno municipal tivo a ocasión de atallar o problema dispoñendo doutra licitación; dado que o contrato correspondente vencía a finais do curso 2019-2020. Non se fixo así, e utilizouse o recurso da prórroga de facto, coas consabidas consecuencias: a principios de ano xurdiron as faltas de pagamento ao persoal e a alarma sobre a situación da empresa, feitos dos que o equipo de goberno era coñecedor a través dos embargos por parte da Seguridade Social e Facenda. Nese momento fíxose unha licitación precipitada, da que tampouco se facilitou información, e que ao final resultou deserta”.

 

Neste sentido, os populares esixen tamén a través da moción explicacións sobre os motivos polos que quedou deserta esta nova licitación e por que non se acudiu a Tragsa nese momento encargándolle a prestación ata final do curso escolar.

 

Convenio, servizos concretos, período, prezo e situación das traballadoras

Xa que Tragsa é unha empresa participada pola Deputación Provincial de Lugo, dende o Grupo Municipal do PP “supoñemos que existe un convenio entre o Concello e a institución provincial” e, polo tanto, esixen información sobre o contido do mesmo.

 

A outra información que solicitan os populares é a relativa aos servizos concretos aos que se refire o convenio e cales son as instalacións ou edificios que abrangue; así coma “o tempo de duración da prestación que, polas connotacións que implica recorrer a Tragsa, se entende que só debe ser o tempo imprescindible para resolver a situación de emerxencia”.

 

Igualmente, cren que o goberno socialista debe dar explicacións sobre o prezo da prestación, se o vai pagar a Deputación ou o Concello, e neste último caso, baixo que criterios o fixa. Tamén queren coñecer se se subrogou a contratación de traballadores/as dos servizos afectados, a que persoal exacto abrangue e, en todo caso, cal é a situación en que quedan as persoas implicadas. Así mesmo, interésanse por saber se se asumiron as débedas da anterior empresa concesionaria.

 

Prácticas inadmisibles

Os populares consideran que “estas prácticas do equipo de goberno son inadmisibles, principalmente, por dúas razóns: por unha banda, a tensión social debido á situación de desamparo do persoal e, por outra, o evidente desastre na xestión polo que se ve obrigado a abdicar das súas competencias -tanto a xestión coma a xerencia do servizo- noutra administración pública debido á súa inutilidade por prever o que, como todos sabiamos, era a crónica dunha morte anunciada”.

 

Bancos na rúas de Vilalba

Os populares recollen tamén unha demanda dos veciños e veciñas e trasladan ao goberno local, a través dun rogo, “a instalación de bancos na Rúa Mestras Amelia e Sagrario, na Rúa da Revolta e na Avenida Terra Chá de Vilalba para dotar ás persoas maiores -xa que moitos presentan dificultades para camiñar- e a todas aquelas que o desexen, de espazos onde poder descansar na rúa e, polo tanto, facilitar o envellecemento activo e  a mellora da saúde e benestar dos veciños en xeral”.

 

IBI dos equipos de fútbol

Os populares tamén preguntarán na vindeira sesión plenaria “se o goberno local ten previsto estudar algún remedio legal para solucionar a situación actual dos equipos de fútbol do concello de Vilalba” (Santaballés, Goiriz ou Rioaveso) que se teñen que enfrontar a importantes sumas correspondentes ao IBI como consecuencia da actuación sobre valores catastrais ao ser titulares das súas propias instalacións deportivas. Máis concretamente, dende o Grupo Municipal Popular preguntan se teñen previsto poñer en marcha algún programa de axudas para os clubs para paliar o problema económico que se deriva desta situación.