O Partido Popular de Monforte de Lemos desvela que o Concello non investiu aínda nin un só euro do remanente incorporado ao convenio asinado coa Deputación e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a mellora do saneamento cidade. Así o puido comprobar a voceira Katy Varela logo de estudar a documentación remitida pola entidade local e que xustifica a liquidación da Conta Xeral de 2020, que prevé someter á aprobación do Pleno. Esta cantidade engadida ascende aos 750.000 euros.
Para a popular trátase “dun feito gravísimo” e que atribúe “á unha falta de xestión clara”, pois esta mesma fin de semana se produciu outra rotura dunha tubaxe na rúa Xoán Montes.
“Xa o dixemos en moitas ocasións, que o saneamento é un dos principais problemas que temos na cidade, pero o que resulta un despropósito é comprobar como tampouco se gastaron os 750.000 euros que o propio Concello incorporou do remanente de 2020 a este convenio, aumentando considerablemente o investimento nesta materia”. “Lamentamos, advirte Varela, que a falta de traballo chegue ata este punto, sobre todo, logo de que se anunciase o convenio para dar unha solución integral ao problema”. “O que fixo o alcalde é enganarnos a todos os monfortinos e monfortinas”, remarca.
A este respecto, a voceira do Grupo Municipal Popular de Monforte pedirá explicacións ao rexedor socialista sobre este asunto. E é que, sinala, “queremos saber por que non se fixo nada, xa que ademais desta incorporación, o investimento previsto era de 2,4 millóns de euros, dos que 480 serían aportados polo Concello e o resto pola Confederación”.
Ademais, segundo se anunciara no seu día, este convenio permitiría a renovación total ou parcial dos colectores das rúas Morín, Xoan Montes e Valle-Inclán; do barrio das Cruces, na parte que transcorre ao carón do regato de As Malloadas; a supresión do aliviadeiro do Parque dos Condes; e a mellora do saneamento. Trátase de actuacións que, tal e como dixera o goberno local, porían fin á filtración de gran cantidade de auga limpa, que entra na rede de saneamento e dificulta o funcionamento da depuradora.
Sancións ao Concello por verquidos
A este respecto, e co fin de que a entidade local actúe “coa máxima claridade posible”, os populares, a través do rogo presentado, tamén esixirán ao alcalde que conteste sobre se ten previsto conceder ao seu Grupo o histórico que lle foi solicitado por escrito das sancións acumuladas nos últimos catro anos polos vertidos contaminantes do río Cabe. Os populares fixeran esta solicitude á entidade local logo de constatar que existe unha nova multa por valor de 1.800 euros da Xunta de Galicia polo vertemento en Cobas.