O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes, Javier Santín, alerta da falta de recollida do lixo no municipio durante este verán, que está a xerar queixas entre os veciños e veciñas.
O popular considera necesario “incrementar a frecuencia da retirada do lixo dos contedores do noso termo municipal” porque, segundo explica, “na época estival co incremento de poboación, tamén aumentan os residuos xerados nos fogares provocando que se enchan os contedores en menos días”.
Santín propón, polo tanto, “reforzar este servizo municipal para evitar a acumulación de lixo a carón dos contedores situados nos núcleos de poboación do noso concello. Ademais de ser máis hixiénico, tamén contribuiría a ofrecer unha boa imaxe de Cervantes aos nosos visitantes”, engade.
Recollida de enseres e residuos voluminosos
O voceiro popular sinala que “o Concello de Cervantes non dispón de punto limpo” e, para suplir a falta deste servizo, insta ao goberno local a “poñer en marcha un servizo de recollida de enseres e residuos voluminosos a domicilio”.
Santín explica que “o Concello non está a ofrecer ningún tipo de servizo para recoller residuos de gran volume que non se poden depositar no contedor convencional” e, polo tanto, “demandamos a súa recollida polas distintas aldeas de forma periódica previo aviso aos veciños por se puideran estar interesados. Isto contribuiría a evitar a aparición de puntos de acumulación de lixo”, engade.
O popular di que “o Concello dispón de máis medios para depositar estes residuos no punto limpo máis cercano, o de Becerreá, que os propios veciños aos que se lles evitaría facer este tipo de desprazamento”.