Partido Popular de Lugo

O PP destaca os máis de 42.000 euros de axudas da Xunta que reciben tres asociacións de veciños de Vilalba

O PP de Vilalba destaca as achegas de máis de 42.000 euros que a Xunta de Galicia dirixe a tres asociacións de veciños do municipio: Carballido, Corbelle e Goiriz.

 

Trátase das axudas específicas da Xunta da convocatoria do 2021 para investimentos (obras de acondicionamento, reforma, reparación ou adquisición de equipamentos básicos) dirixidas a diversas entidades de participación cidadá de Galicia. A presidenta da xestora, Sandra Vázquez, explica que teñen como obxectivo “contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal”.

 

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de comunicar a concesión dunha axuda de 17.000 euros á asociación de veciños Galopíns de Carballido: 12.000 euros para obras e 5.000 para a adquisición de equipamento. Do mesmo xeito, a asociación de veciños de Corbelle recibirá algo máis de 12.800 euros: máis de 7.800 para a adecuación dun local na casa escola destinado a cociña social e 5.000 euros para equipamentos. Á asociación de veciños de Goiriz foille aprobada unha cantidade superior aos 12.300 euros: algo máis de 10.000 para obras e máis de 2.300 para equipamentos.

 

Vindeiras convocatorias

A popular sinala que “se trata de axudas en réxime de concorrencia competitiva; polo que o reparto dos fondos que a Xunta asigna a estas subvencións se realiza seguindo criterios obxectivos previamente establecidos nas súas bases: representatividade da asociación, tipo de proxecto ou interese da actuación”. 

 

Vázquez convida a tódalas asociacións do municipio a solicitar estas axudas na vindeira convocatoria e, de xeito especial, a aquelas que non obtiveron axuda nas convocatorias anteriores ou, cando menos, na última convocatoria; xa que “tamén se outorgan puntos atendendo a esta circunstancia que pretende contribuír a un reparto xusto dos fondos”, matiza.