Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro pide ao Concello melloras no Barrio do Conexo, especialmente no acceso dende a Rúa Suasbarras

O centro da cidade, o casco vello de Viveiro precisa moita máis atención da que lle presta o goberno local, pero onde mellor se pode medir a falta de interese dos responsables municipais é nos barrios. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que un caso da manifesta ineficacia do equipo que dirixe María Loureiro e o Barrio do Conexo. Os concelleiros do PP reclaman melloras no pavimento das rúas e na sinalización; máis limpeza e outras accións, como instalación de mobiliario urbano.

 

Óscar Rodríguez destaca que neste barrio hai un establecemento hoteleiro, que constitúe un dos motores turísticos desta zona. O portavoz popular indica que o acceso dende a Rúa Suasbarras está nun estado penoso. O pavimento está moi deteriorado e hai unha antiestética illa de contedores de superficie xusto na entrada do barrio, ademais dalgún edificio en mal estado.

 

O portavoz popular indica que é precisa unha mellora xeral dos barrios de Viveiro. No caso do Barrio do Conexo ademais de intervir no acceso, hai –di Óscar Rodríguez- que desenvolver iniciativas encamiñadas a humanizar esta parte da cidade, con creación de pequenos espazos axardinados, instalación de mobiliario urbano, etcétera. Os populares consideran que o Concello debe deseñar a intervención nesta parte da cidade despois de falar cos veciños e cos empresarios con locais ubicados neste ámbito urbano.