O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes, Javier Santín, trasladou persoalmente ao alcalde do municipio “a posibilidade de reabrir a piscina de San Román”.
Santín explica que “fai algúns anos o Concello desenvolvía cursos na piscina situada nun complexo hostaleiro de carácter privado que na actualidade se atopa pechado” e convida ao Concello a tratar de establecer algún tipo de acordo cos propietarios de cara ao seu uso público.
“Tendo en conta que noutras ocasións foi posible establecer un tipo de acordo entre o Concello e estas instalacións privadas, consideramos que é posible volver facelo mesmo para ofrecer aos veciños e visitantes un espazo de baño agora no verán”; xa que “o noso concello carece deste tipo de recursos”, apunta. O popular matiza que se trataría dun “servizo especialmente atractivo para a xente nova ou para os turistas” que, ademais, contribuiría a “dinamizar o núcleo de San Román que na actualidade se atopa apagada e sen actividade”.
O voceiro do PP en Cervantes defende, de cara ao futuro, a construción dunha piscina municipal “como recurso público para o seu uso durante o verán por parte dos veciños, a xente nova e os turistas”.
Dinamización social e impulso ao turismo
“Ante a inoperancia do goberno local socialista”, os populares continúan deste xeito a propoñer distintas iniciativas cun dobre obxectivo: a dinamización social do municipio e o impulso ao sector turístico “aproveitando os nosos recursos naturais”. Recentemente, Santín propoñía tamén o acondicionamento dunha área de servizo para caravanas co obxectivo de facilitar este servizo aos seus usuarios interesados en visitar Cervantes.