Partido Popular de Lugo

Os deputados lucenses denuncian o abuso de RENFE ao incrementar o tempo de viaxe entre Valdeorras e Vigo en 2 horas e oito minutos

Os deputados populares pola provincia de Lugo, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, xunto aos seus compañeiros de Ourense, acaban de presentar no Congreso varias iniciativas parlamentarias para que RENFE e o “Ministerio de Transportes, Movilidad Y Agenda Urbana” ( MITMA) rectifiquen con urxencia as decisións que maltratan aos usuarios do ferrocarril da comarca de Valdeorras, do mesmo xeito que aos do Bierzo e de Terras de Lemos.

 

Reaccionan así ante a noticia coñecida de que, a partir do próximo luns 19 de xullo, o tren Rexional  Exprés que sae ás 6:15 de Ponferrada, e que comunica de maneira directa con Vigo, incrementará o tempo de viaxe en nada menos que dúas horas e oito minutos. Tardará en cubrir o traxecto sete horas e vinte minutos fronte ás 5 horas e 12 minutos anteriores.

 

Esta monumental demora trasládase aos usuarios do tren das estacións do itinerario. Así, os viaxeiros que tomen o tren no Barco de Valdeorras, ás 6:58 chegarán a Vigo ás 13:35 investindo na viaxe nada menos que 6 horas e 37 minutos. Antes tardaban 4 horas e 29 minutos. Os usuarios que suban na estación da Rúa-Petín ás 7:09 investirán na viaxe 6 horas e 26 minutos. Antes tardaban 4 horas e 18 minutos. E, os viaxeiros que tomen o tren en Monforte de Lemos, tardarán en chegar a Vigo 5 horas e 20 minutos. Antes o percorrido duraba 3 horas e 21 minutos.

 

Os deputados móstranse “escandalizados” ante esta “disparatada” decisión de RENFE. Por iso, hoxe mesmo, rexistraron no Congreso dos Deputados a solicitude de comparecencia do Presidente de RENFE, Isaías Táboas  Suarez, para “informar sobre as medidas urxentes que adoptará para corrixir a arbitraria decisión de incrementar, en máis de dúas horas, o tempo de viaxe entre Ponferrada, Valdeorras e Monforte de Lemos coa cidade de Vigo, con evidente desprezo aos usuarios dunhas comarcas moi marxinadas por RENFE”. Ademais, rexistraran varias preguntas parlamentarias sobre o mesmo asunto coa finalidade de que RENFE e o MITMA rectifiquen esta “inxusta” decisión.

 

Neste senso, esixen ao alcalde socialista de Monforte de Lemos que “alze a súa voz contra este novo atropelo de RENFE aos veciños da súa comarca, que son maltratados continuamente pola  operadora ferroviaria, que depende do Goberno de Pedro Sánchez”.

 

Continua degradación dos servizos ferroviarios

Lembran, ademais, as constantes denuncias realizadas sobre o deterioro dos servizos ferroviarios na liña Vigo- Porriño- Ribadavia-Ourense-Monforte-Quiroga-A Rúa- O Barco-Ponferrada. Por esta vía, circulan os trens máis antigos do parque móbil de Renfe, as unidades 470 que realizan o servizo diurno de máis de 35 anos. 

Existe un problema de falta de trens e de obsolescencia do material rodante, o que provoca constantes avarías. Tamén hai falta de suficientes maquinistas, o que ocasiona anulacións de trens e carencias de persoal de mantemento de trens que poida atender con prontitude as incidencias que se producen. E teñen tamén denunciado un defectuoso mantemento da infraestrutura por parte de ADIF que se evidencia nas moi frecuentes caídas desde as trincheiras de árbores ou pedras sobre a vía e catenaria, fallos na electrificación, etc.

Tamén existen deficiencias nos protocolos de atención aos viaxeiros cando se producen incidencias. Os usuarios padecen constantes demoras e prodúcense anulacións de trens sen previo aviso. Engaden os deputados as queixas constantes sobre os fallos nos sistemas de información (paneis, megafonía) nas estacións de O Barco e A Rúa, así como os problemas para os usuarios derivados da perda da venda presencial de billetes nas estacións.

 

En definitiva, conclúen, “estase a prexudicar gravemente aos usuarios do ferrocarril que esperan fiabilidade e calidade e atópanse co contrario, recortes, degradación do servizo e incerteza”.