O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anula a licitación do servizo de axuda no fogar de Castroverde. Así se especifica na resolución emitida por este órgano e que obriga ao Concello a iniciar de novo o procedemento de contratación. O voceiro popular, Rubén Otero, amósase “moi preocupado” por tal resolución e responsabiliza de xeito directo ao Concello, por esta administración a que ten as competencias directas para a adxudicación e contratación desta prestación.
O ditame, que xa foi posto en coñecemento da entidade local o 9 de xullo, confirma, segundo apunta o popular, “o que viñamos denunciando e avisando dende hai meses”. “Demóstrase que o Concello nin o fixo ben, nin tampouco se interesou por buscar unha solución”, destaca.
Concretamente, esta resolución prodúcese logo do recurso interposto pola empresa Protección Geriátrica 2005 S.L contra a adxudicación da contratación do servizo de atención a domicilio. Detállase na mesma que se estima dito recurso, así como o seu carácter definitivo na vía administrativa, polo que contra ela só cabe apelar á Sala do contencioso-administrativo do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia.
Os populares queren seguir sendo prudentes con todo o exposto, pero si que remarcan que é responsabilidade do rexedor estar ao corrente de como se desenvolve e informar aos grupos políticos de todo o que conleva esta prestación, ademais de levar a cabo as xestións oportunas para que o servizo, que beneficia a máis dun cento de familias en todo o municipio, “non se vexa alterado”, xa que “con elo os que perden son os que menos culpa teñen, que son as persoas que precisan desta atención”.
Advertencias do PP
A axuda no fogar en Castroverde non é a primeira vez que se vei inmersa en problemas de continuidade. En maio, o voceiro pedíalle ao alcalde que garantise o servizo de axuda a domicilio para que este se desenvolvese con todas as garantías que esixe este tipo de asistencia tan necesaria para as persoas maiores ou que contan como mobilidade reducida. O popular dirixíase así ao rexedor socialista, unha vez coñecido que a empresa adxudicataria remata o contrato o 31 de xullo e as traballadoras, que presentan irregularidades nos seus pagos, seguen descoñecendo que vai pasar co seu futuro, pois incluso poden verse afectadas por ERE.
Hai meses os populares tamén expresaran a súa preocupación ante a suposta explotación laboral por parte dunha mai e dunha filla -titulares da empresas- a traballadoras inmigrantes en situación irregular que prestaban este servizo neste e noutros lugares da provincia.