Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte pide ao goberno local que inste ao ministerio a concluír a redacción do proxecto e a licitar as obras da A-76

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos vén de rexistrar unha moción, a través da que pide ao goberno local que inste ao ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana a concluír a redacción do proxecto de construción do treito Monforte-A Babela da A-76, así como a licitar as correspondentes obras á maior brevidade posible para continuar co impulso desta infraestrutura que vertebraría o sur da provincia con Ourense e coa Meseta.

 

Os populares queren deste xeito “presionar” para que esta autovía, que deixara encamiñado o Partido Popular, “non quede metida nun caixón como todo apunta que vai pasar”, pois o retraso que acumula o proceso de redacción é xa de dezaseis meses.

 

O Boletín Oficial do Estado publicaba en setembro de 2018 o anuncio de formalización do contrato para a redacción do proxecto por valor de 523.504 euros, cuantificando o prazo de execución en dezaoito meses. Esta actuación afectaría a un treito de 7,7 quilómetros de lonxitude e a tres enlaces. Neste senso, o prazo expirou en marzo de 2020 e, a día de hoxe, “pouco ou nada sabemos do que pensa facer o Goberno”, segundo advirte a voceira Katy Varela.

 

Precisamente, a dirixente dos populares monfortinos considera que “este silencio é o que fai saltar todas as nosas alarmas, de aí que decidamos levar este asunto ao pleno, xa que o Sr. Tomé, na súa condición tamén de presidente da Deputación, debería de porse en contacto cos seus amigos na Moncloa e evitar que Monforte e o sur da provincia queden sen a autovía que, repito, deixara encamiñada o goberno do PP”.

 

E é que, de ser así, remarca Varela, “os socialistas de Monforte e da provincia estarían sendo cómplices e corresponsables do que sería un agravio con grandes prexuízos para o impulso socioeconómico de toda a comarca”.