O grupo provincial do PP visitou esta mañá o tramo da LU-P 4902 que sufriu considerables danos na calzada. O portavoz, Javier Castiñeira, expresou o agradecemento dos populares pola “axilidade do servizo de Vías e Obras para reparar o tramo desta estrada, que une o Alto do Valiño con Valdeporrás, que no día de onte foi danada, non sabemos se foi por causas accidentais ou algo provocado; dende logo, se é algo provocado, a máxima repulsa do grupo provincial do Partido Popular”. Castiñeira espera que, unha vez en marcha a reparación no punto no que se produciron os danos, continúe ata completar todo o tramo en mal estado da citada vía. Os populares demandan novamente ao goberno provincial o deseño e execución dun plan de estradas, para o que se ofrecen a colaborar.
Javier Castiñeira sinala: “No PP levamos meses denunciando o malestar de moitas asociacións de veciños, de alcaldes e concelleiros polo deficiente estado das estradas provinciais, pero a forma de expresar a protesta debe ser, como fai o PP, nos plenos da Deputación e nos medios de comunicación, sempre tratando de ir en positivo”.
Unha vez máis, os populares piden “ao goberno da Deputación que faga un plan de estradas”. Castiñeira di: “Así o solicitamos hai meses e foi rexeitado polos votos en contra do PSOE e do BNG. Agora o equipo de goberno debe cambiar o chip, porque non podemos seguir coas estradas provinciais nas malas condicións nas que se atopan moitas delas; ten que ser un plan ambicioso, a longo prazo e co obxectivo de conseguir o arranxo o antes posibles das calzadas en mal estado”.
Castiñeira declara: “Pedimos que o presidente da Deputación adopte a decisión de cambiar ao delegado de Vías e Obras, que é o propio señor Tomé; necesítase un delegado a tempo completo, serio e formal, que tome isto como piden os veciños e que trate de ter as vías en bo estado e para iso moi necesario establecer un plan. O PP vai estar disposto, dende o primeiro momento, a reunirse co goberno e buscar cal é cantidade necesaria e a mellor forma de poder deseñalo e executalo canto antes”.