Partido Popular de Lugo

A presidenta provincial do PP e os concelleiros populares de Monterroso analizaron os principais proxectos nos que traballa o Concello

A presidenta provincial do PP, a deputada autonómica Elena Candia, mantivo onte unha reunión de traballo cos membros do grupo municipal de Monterroso. Forma parte dos encontros que periodicamente mantén Candia cos concelleiros populares para analizar a situación política en cada concello, avaliar a súa problemática e abordar as principais cuestións abertas en cada un deles. Con Candia estiveron o tenente de alcalde Eloy Pérez e os concelleiros Marcos Otero e Rocío Díaz Bao. Asistiu tamén o presidente da xestora do PP, José Vence.

 

No encontro analizáronse diversos proxectos que o equipo de goberno municipal ten en execución e outros que se pretenden impulsar neste mandato. Entre os xa en marcha analizouse o estado do trámite no que se encontra o museo de interpretación da feira de Monterroso, para o que se ten asinado un convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura, que aportará 200.000 euros.

 

Igualmente, no encontro abordáronse asuntos coma o convenio coa Secretaría Xeral para Deporte, da Xunta de Galicia, para a renovación do céspede do campo de fútbol de Cerdeiriños e a reforma dos vestiarios, así coma a construción da terceira pista de pádel ou o repintado das rúas do polígono; son iniciativas para as que a Xunta lles ten concedidas ó Concello de Monterroso axudas por 40.000 e 21.818,81 euros, respectivamente. 

 

Segundo manifestou Eloy Pérez, están a traballar nun proxecto para a instalación eléctrica e na dotación de alumeado para o interior da Cúpula, así coma na humanización do seu entorno. Está prevista a mellora do acceso dende a N-640,  así como a mellora da accesibilidade e a rehabilitación do entorno do museo.

 

Por último, Candia e os concelleiros trataron sobre a reforma integral da área recreativa da Peneda, para a que se está a redactar o proxecto que define as liñas de actuación. Está previsto un investimento orientado á revitalización de toda a área, en varias fases. Actuarase na cafetería existente no complexo, nos baños, na iluminación e procederase á instalación dun parque infantil.