Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, preguntarán no Senado por que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil pon impedimentos ao Club Fluvial de Lugo cando en 2019 non detectou ningunha incompatibilidade. Deste xeito, os populares pedirán ao Executivo que explique se o obxectivo desta decisión é apropiarse de 5 metros que están a ser empregados por 17.000 usuarios para construír unha praia fluvial nese lugar en vez de acondicionar outra zona en desuso.
A iniciativa do Grupo do PP xurde unha vez que o organismo estatal anunciou a retirada do permiso concedido á entidade lucense para usar o espazo pegado á cunca do Miño, que implicaría que unhas pistas de tenis, un muro e unha piscina municipal, e que se utilizan dende hai 50 anos, quedasen fóra da lei, causando, sinalan, “un enorme prexuízo aos usuarios”.
Os senadores decidiron levar este asunto á Cámara Alta porque “non podemos esquecer que o de Lugo é o terceiro club deportivo de Galicia polo seu número se socios” e esta decisión, apuntan, “esquece completamente a súa función social e o servizo que vén ofrecendo durante tantos anos aos lucenses”.
Sospeitas dos populares
E é que o cambio proposto pola Confederación fai pensar aos populares que se pode estar usando ao Fluvial “como paraugas político”. “Todo apunta a que é un intento de desviar a atención sobre a promesa longamente incumprida por parte do PSOE e o BNG de dotar a Lugo dunha praia fluvial pois, como se deduce da intervención do presidente, a Confederación non atopou nin un só escollo para non renovar a concesión. Tampouco aportou ningunha alternativa ás instalacións”, advirten.
Os populares agardan así que dende o Goberno “se nos resposte claramente ao preguntamos”, pois o Club xa expresou a súa vontade de corrixir calquera deficiencia que puidera motivar a renovación da concesión para os vindeiros 20 anos.