Que o Bloque poucas veces acerta á hora de xulgar os proxectos importantes para os galegos é un feito histórico dende que cualificou de “navallada a Galicia” á autopista do Atlántico. Algún exemplo do indicado está aínda moi recente. Nesa liña hai que encadrar, sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, o escaso interese demostrado polo BNG na reactivación do proxecto da Gran Senda do Navia, impulso que é unha iniciativa do PP, fronte á que os nacionalistas se abstiveron na Deputación e acaban de votar en contra en A Fonsagrada.
Castiñeira sinala: “Vimos de saber polo PP de A Fonsagrada que o BNG fonsagradino está máis do lado de Galiza Nova e de rachar co Xacobeo que de apoiar iniciativas de turismo sostible como a proposta popular de reactivar o proxecto da Gran Senda do Navia, con fondos europeos de recuperación e resiliencia. É unha idea exposta polo Grupo Provincial do Partido Popular, que a levou ao pleno da Deputación de Lugo e que moitas agrupacións dos concellos afectados tamén levaron a debate. Pretendemos que o impulso á Gran Senda do Navia tamén se aborde no Congreso e no Senado”. O portavoz popular indica que “o BNG provincial abstívose no pleno da Deputación; aínda que non mostrou moito apoio a este proxecto non chegou a votar en contra, como fixeron os nacionalistas en A Fonsagrada”.
Castiñeira indica que, no día de hoxe, os populares volveron “ao Navia, en A Fonsagrada, para demostrar o noso compromiso coa Gran Senda do Navia, para deixar claro que o Partido Popular cre neste proxecto fronte ao escaso interese nel dos socialistas e nacionalistas lucenses. Socialistas e nacionalistas son incapaces de impulsar ningún proxecto para o rural galego; demostran día a día moi pouco interese por atraer fondos Next Generation á provincia”. Adianta que “o PP non vai cesar neste empeño; é un proxecto moi importante para sete concellos da montaña lucense, porque crearía sinerxías turísticas que son moi necesarias. Non apoiar este proxecto ou votar en contra, como fixo o BNG de A Fonsagrada, é un despropósito”.
A iniciativa da creación da Gran Senda do Navia partiu da sociedade civil e conta co respaldo dos 16 concellos, sete lucenses e nove asturianos, polos que descorrerá a ruta, así como do Principado e a Deputación Provincial de Lugo. En 2018 foi presentado ao Goberno. Os concellos lucenses polos que descorrerá son os de Pedrafita, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Cervantes; descorre, polo tanto, polo ámbito do xeodestino de Os Ancares, e terá unha lonxitude total de máis de 400 quilómetros e o orzamento estimado inicialmente é de 4,2 millóns de euros. Este proxecto durme nun caixón dende que en 2018 foi presentado ao Goberno para a súa declaración de interese xeral e a posterior inclusión na Red de Caminos Naturales.