Partido Popular de Lugo

O PP leva ao pleno o regulamento dos mestres do conservatorio para que Tomé “non teña escusas” e se solucione o conflito laboral creado polo socialista

O Partido Popular de Monforte anuncia que no pleno deste mes levará en formato de moción o regulamento presentado polos profesores do Conservatorio Mestre Ibáñez no mes de abril ao Concello, e garantir así o funcionamento interno do centro.

 

A súa aprobación permitía acabar co conflito laboral existente entre os profesionais do centro e o alcalde, logo de que este lles abrise un expediente por empregar medios propios para desenvolver o seu labor formativo.

 

Neste senso, a voceira popular, Katy Varela, adianta que, en previsión de que en agosto non hai sesión e de que en setembro xa se inicia o curso académico, “decidimos presentalo deste xeito para que Tomé non teña escusas e se dea unha solución aos problemas existentes, precisamente, pola falta de normativa”, defende.

 

Os populares apoiaran naquel mes a iniciativa do equipo de goberno para iniciar o procedemento de elaboración, pero, a día de hoxe, a entidade local aínda non presentou nada, nin tampouco se puxo en contacto cos afectados para achegar posturas ao respecto. “Isto parécenos unha vergoña. En agosto non hai pleno e, se non se aproba agora, iniciaremos o curso co conflito laboral sen resolver”, advirte Varela, quen apunta que o silencio do equipo de goberno sobre este asunto evidencia “unha deixadez absoluta do socialista para solucionar os problemas reais de Monforte”.

O PP, sempre cos mestres

A tensión existente entre o Concello e o mestres segue presente dende hai meses, ata o punto de que os propios profesionais levaron a cabo distintos contactos con representantes políticos. Neste senso, o Grupo Municipal do PP sempre estivo ao seu carón, ata o punto de que o seus contactos foron decisivos para que o Grupo do PP presentase unha iniciativa no Parlamento de Galicia, demandando o apoio da Cámara.

 

Os conservatorios en Galicia son de titularidade municipal, de aí que a formación local, que dirixe Katy Varela, conxuntamente cos sindicatos, tamén presentase un escrito no Concello para que o alcalde suspendese os expedientes sancionadores e que abrise unha mesa de diálogo na que estivesen presentes os mesmos, ademais do equipo de goberno, e elaborar así un regulamento común e que se axuste ao que reclaman os docentes. Como isto non aconteceu, os populares someterán a debate no pleno o documento elaborado polos mestres.