Partido Popular de Lugo

O PP critica “a nefasta política do PSOE en relación co Miño” e quere saber se a Deputación ten previsto apoiar a creación da praia fluvial de Lugo

O PSOE ten recorrido en numerosísimas ocasións na última década ao discurso, tan frecuente como falso, do lamento porque o urbanismo lucense mantivo á cidade de costas ao Miño. Nesa mesma década, o PSOE foi incapaz de sacar adiante a por el prometida, dende o Concello e a Deputación, praia fluvial, desenvolveu un urbanismo alleo ao río, e, máis recentemente, dende a Confederación Hidrográfica Miño Sil vén de poñer en cuestión o futuro do Club Fluvial, a máis numerosa e popular das sociedades lucenses. O deputado popular, Óscar Poy, critica “a nefasta política desenvolvida polo PSOE en relación coa posta en valor do río ao seu paso pola capital” e sinala que Concello e Deputación parecen incapaces de poñerse de acordo, ata a punto de que a Deputación reclamou á institución municipal os 225.385,75 euros do convenio non executado para a creación da praia fluvial proxectada inicialmente en As Saamasas e agora nas proximidades da pasarela peonil sobre a N-VI a altura do campus. Os populares, que lembran que a Deputación deixou afundir o catamarán que tiña no Miño en Los Robles, queren saber que planes ten a Deputación en relación coa anunciada dende 2010  e nunca executada ata agora praia fluvial de Lugo.

 

O deputado Óscar Poy alude á esperanza posta polo goberno local, segundo publican algúns medios de comunicación, en que a Deputación colabore co Concello na creación da praia fluvial, mediante un convenio, ben sexa como renovación do establecido no seu día (2010) ou un de nova redacción. Poy sinala: “A praia fluvial é un dos grandes enganos do PSOE-BNG nas institucións aos lucenses. Foi un engano descaradamente electoral nos seus principios, que resultou moi útil para o entón presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. E sigue sendo un engano a día de hoxe; é un asunto que periodicamente sacan do caixón para enredar con el cando non teña a man ningún outro mellor. Pero Lugo segue se praia fluvial. Que os gobernos local e provincial non se entenden ben é algo que quedou claro en varias ocasións ao longo deste mandato, e nada indica que non vaian seguir así”.

 

Poy alude ao problema da concesión non renovada pola CHMS ao Club Fluvial. A este respecto sinala: “Será casualidade, pero o problema dáse cun presidente socialista na Confederación Hidrográfica Miño Sil, un home que é o secretario de organización do PSdeG.”

 

O mesmo deputado di: “O que está claro é que o PSOE non resolve os problemas de Lugo en relación co Miño. No que se refire á Deputación, está claro que neste caso, como no conxunto da xestión, hai unha evidente falta de proxectos. Estaría ben que o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, explicara aos lucenses que pensa facer en relación coa praia fluvial e se ten previsto colaborar na tomadura de pelo aos cidadáns que leva a cabo o Concello neste asunto”.