Partido Popular de Lugo

Ethel Vázquez explica ao PP da Mariña o investimento de 12 millóns de euros que mellorará a estrada da Gañidoira

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo unha reunión de traballo con distintos cargos institucionais e orgánicos da Mariña, como a presidenta provincial, Elena Candia; os alcaldes de O Vicedo e Xove, Jesús Novo e Demetrio Salgueiro, respectivamente; os deputados autonómicos, José Manuel Balseiro e Daniel Vega; o voceiro popular en Viveiro, Óscar Rodríguez; e o voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira; para trasladarlles en primeira persoa o investimento que prevé executar a Xunta de Galicia para mellorar a conexión de Lugo e  a Terra Chá con Viveiro. Trátase de 12 millóns de euros cos que se acondicionarán 34 quilómetros desta importante vía de comunicación, a LU-540, máis coñecida como a estrada da Gañidoira.

 

Os populares agradecen “a sensibilidade” do Goberno galego, pois “é unha actuación que beneficiará aos veciños de 8 concellos das comarcas chairega e da Mariña Occidental, é dicir, de Vilalba, Xermade, Muras, Ourol, Xove, O Vicedo, Cervo e, por suposto, de Viveiro”, manifestan.

 

Os traballos, cuxas expropiacións darán comezo nos vindeiros días, inclúen a reforma dalgunhas interseccións e de varias partes do trazado, a sinalización horizontal e vertical e a reparación do firme. Darán continuidade a outras actuacións levadas a cabo nos últimos anos polo Executivo de Feijóo.

 

Resposta do Goberno central

A aposta do departamento que dirixe Ethel Vázquez é “extraordinariamente importante”, segundo avanzan dende o PP, pois “estamos a falar de que é unha das arterias principais da provincia, ao vertebrar  dúas das comarcas máis extensas tanto en superficie como en poboación”. Por iso, dende o PP agardan que o Goberno central resposte á petición do Goberno autonómico de financiar este proxecto con fondos do Plan europeo de recuperación.

 

“O compromiso da Xunta é indiscutible; o de Pedro Sánchez, como soe acontecer con todo o que ten que ver coas infraestruturas da provincia e, dun xeito específico coas da Mariña, ou é cativo ou non existe. Basta con ver a A-74, que continúa metida no caixón do ministerio. Pedimos aos representantes do PSOE en Madrid que se dirixan ao seu presidente, xa que é preciso que clarifique a cuestión que lle demandan dende a consellería”, insisten.