Partido Popular de Lugo

Balseiro interésase no Parlamento polos obradoiros da Xunta na provincia “unha oportunidade de formación e emprego”

O voceiro de Emprego do Grupo Parlamentario Popular, o lucense José Manuel Balseiro, vén de interesarse a través dunha iniciativa rexistrada no Parlamento de Galicia polo funcionamento dos obradoiros de emprego, programas financiados principalmente pola Xunta de Galicia e impulsados en colaboración cos concellos.

 

Para o deputado popular os obradoiros da Xunta representan unha oportunidade de “formación e emprego” para os seus participantes, pois permiten a adquisición de coñecementos teóricos e prácticos sobre unha determinada profesión e á vez, ao longo da súa duración, estas persoas reciben un salario.

 

Ademais todos os obradoiros que financia o Goberno galego teñen que incorporar no seu plan de traballo a realización de obras ou a prestación de servizos de interese social ou xeral.  “Así por exemplo –explica Balseiro- os obradoiros teñen servizo para mellorar prazas, espazos públicos, edificios municipais aos que se quería dar novos usos, ou para o coidado de xardíns, mantemento de montes e espazos verdes, dixitalización de arquivos ou organización de actividades culturais e turísticas, entre outras”

 

Balseiro lembra tamén que o principal obxectivo dos obradoiros é que as persoas que neles participan amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. Ambas circunstancias “por si soas e máis aínda combinadas” contribúen a mellorar a súa empregabilidade “ou dito doutro modo, as posibilidades de acceder a un emprego estable e de calidade, que é aspiración de todos”.

 

O deputado popular interésase por cantos e cales son os obradoiros de emprego financiados pola Xunta neste momento, e na actual convocatoria, a canto ascende o investimento autonómico destinado á súa posta en marcha, que accións concretas executan e, quere coñecer tamén, as previsións futuras respecto destas iniciativas, que forman parte da folla de ruta da Consellería de Emprego e Igualdade na nosa provincia.

 

 

A iniciativa de Balseiro non se limita a unha análise cuantitativo deste programas, busca tamén que a Xunta faga unha avaliación do funcionamento destes obradoiros e da súa utilidade. Nese senso, lembra que co apoio do Goberno galego hai hoxe en marcha dúas modalidades de obradoiros “que paga a pena coñecer polo miúdo como están funcioando”: a primeira inclúe o programa dirixido aos menores de 30 anos e a segunda para os chamados “obradoiros duais”, que incorporan prácticas en empresas.

 

Ante a utilidade “social” dos obradoiros de emprego Balseiro insiste en convidar a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia a participar nas convocatorias que cada ano a Xunta publica para financiar estes programas. Unhas axudas que a Xunta distribúe conforme a criterios obxectivos como, por exemplo, o número de parados de cada municipio e a puntuación que obteña o proxecto que se pretende desenvolver con cada obradoiro.