“A Tomé dálle igual tratar de delincuentes ás exempregadas do Centro de Viño con tal de colocar aos seus amigos do PSOE”, afirma Katy Varela logo de que a Policía Local no día de onte negase ás afectadas a entrar no edificio.
“Xa sospeitabamos da operación que pretendía Tomé pero o que non resulta de recibo nin xustificable é a actitude amosada no día onte. Trátase dun comportamento impropio de alguén que, ademais, foi sindicalista. Está borracho de poder”, sentencia Katy Varela.
“Prepotencia exacerbada” e “un premio” de 2.000 euros
Os populares denuncian así a “prepotencia exacerbada” do rexedor municipal que chega ata o punto de concederlle á empresa adxudicataria Albergue Santiago 15 S.L 2.000 euros en concepto de axudas para a recuperación económica, a pesares de non reunir as condicións fixadas nas bases para poder ser beneficiarios das mesmas. Así se desvela na acta da Xunta de Goberno do 19 de abril, na que claramente figura que dita entidade non funcionaba como tal, polo que, de cumprir coa legalidade, non podería percibir a cantidade indicada.
A voceira do PP remarca que as explicacións dadas, culpando aos técnicos, sobre a concesión de dita subvención non lle convencen, pois dito establecemento nin dispón de cafetería, nin tiña abertas as súas portas; dous dos requisitos que se esixen nas bases para obter estas axudas.
Estas achegas da entidade local, tal e como se pode comprobar na súa páxina web, están destinadas ás pequenas empresas e a titulares de establecementos de hostalería, é dicir, bares, restaurantes e cafeterías con domicilio fiscal na cidade do Cabe, e que estiveran abertos ao público antes do día 1 de xaneiro de 2021.
O caso citado, non cumpre ningún dos requisitos fixados, polo que, segundo indica Varela, “este foi un premio máis aos seus amigos”, xa que dous dos integrantes de Albergue Santiago 15 SL teñen vinculación directa co PSOE ou con cargos orgánicos do partido. Unha das tres persoas físicas que figura é Vicente Parra, que foi catro anos alcalde socialista en Cordobilla de Lácar (Extremadura), e en 2019 encabezou a candidatura do PSOE en Quiroga. Na actualidade segue sendo o voceiro dos socialistas neste municipio. O administrador único é Ramón Díaz-Varela, fillo da concelleira de Facenda e irmán do asesor do alcalde na Deputación.
Tomé debe recapacitar
Por todo elo, Katy Varela lamenta que a extraballadoras “sexan vítimas do cativo talante político do alcalde” que, unha vez máis, “nos deixa sin palabras”. Os populares trasladaron xa o seu apoio ás afectadas e puxéronse á súa disposición. “Cremos que non pode ser doutro xeito. Estamos ante unha arrogancia sen precedentes. Con Tomé o diálogo non existe, só existe a imposición. Lamentamos profundamente a situación que tiveron que vivir a tres rapazas e pedísmolle ao alcalde que recapacite”.