O voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico, Daniel Vega, pon en valor que 44 mozos de Ribadeo menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda Galicia grazas á Tarxeta Xente Nova da Xunta. Así o indica logo de participar xunto ao delegado territorial da administración autonómica na provincia, Javier Arias, no encontro que este mantivo con rapaces do municipio beneficiarios da iniciativa que impulsa e lidera o Goberno galego.
Trátase, destaca o popular, “dun carné co que axudamos aos mozos e mozas”, polo que non dubida en animar aos que aínda non o fixeron a esta tarxeta “onde o transporte público é gratuíto”.
Mellora da estación de autobuses
Daniel Vega subraia así a “firme aposta” do Executivo da Xunta pola mobilidade e o transporte de balde. Tal é así que, avanza, “seguimos xestionando orzamento e seguiremos colaborando e traballando para mellorar tamén a estación de autobuses, na que xa se investiron 144.000 euros e está en marcha un proxecto de modernización das instalacións”.
En total, preto de 500 rapaces da Mariña xa son usuarios deste carné dende o pasado mes de maio e 3.200 na provincia de Lugo.