Partido Popular de Lugo

Candia e Barreiro lamentan “a falta de talante democrático” do PSOE ao vetar a baixada do IVE ás perruquerías

A presidenta provincial, Elena Candia, e o senador José Manuel Barreiro,  abordaron nunha reunión de traballo coa voceira da plataforma en Galicia Creer en Nosotros, Ángeles Salgueiro, o veto do PSOE no Senado á baixada do IVE ao sector das perruquerías. Concretamente, a emenda aprobada pola Cámara Alta para reducir do 21 ao 10% o tipo de imposto non chegará ao Congreso, xa que Pilar Llop, presidenta de dita Cámara, vetou a iniciativa.

 

Os populares lamentan “a imposición” dos socialistas e critican “a súa falta de talante democrático”. “O certo é que non nos sorprende”, afirman tendo en conta que, previamente  á postura amosada no Senado, a ministra de Facenda xa explicara que exercería o seu dereito a veto, ao ser unha medida que afecta ás competencias do Executivo.

 

Tanto a presidenta como o senador lucense non dubidaron en trasladar o apoio da formación que representan a este colectivo, indicándolles que están dispostos a participar en todas as reivindicación que fagan. “O PSOE estaos abandonando de forma descarada e iso non o podemos permitir”, salientan.

 

“Xiro inxustificado”

Os populares denuncian “o xiro inxustificado” dos socialistas, xa que se aprobara a baixada de 11 puntos, Facenda deixaría de ingresar 400 millóns de euros polo imposto en cuestión, pero traduciríase nun impacto económico moito maior porque estas empresas verían aumentada a súa actividade, o que supón, engaden, “máis traballadores cotizando, menos desemprego e menos Ertes”.

 

O sector das perruquerías facturou en 2019 4.000 millóns de euros, o 0,36% do PIB. A cifra reduciuse un 40% en 2020 e, debido a elo, un 50% das 20.000 empresas que existen en toda España atravesan momentos críticos. Con este escenario, e logo do veto do Partido Socialistas, a recuperación económica para este colectivo será moito máis complicada.