O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, tras anos de mentiras dos partidos da oposición, hoxe os galegos séntense máis orgullosos ca nunca da nosa Sanidade pública, engadindo que os populares xa están traballando para seguir mellorándoa.
Así, subliñou que, de cara ao futuro, avogan por unha Atención Primaria máis próxima ás necesidades dos profesionais e dos pacientes; pola necesidade de contar cunha convocatoria extraordinaria de MIR de médicos de familia e polo incremento de prazas de formación en especialidades deficitarias como Atención Primaria e Pediatría; por mellores infraestruturas e espazos máis humanizados, camiñando cara a hospitais que pensen máis na comodidade do paciente e da súa familia; por máis tecnoloxía; e por prestar maior atención á Saúde Mental.
AS APRENDIZAXES DA PANDEMIA
Feijóo participou na Xunta Directiva provincial do PP de Lugo para presentar o proxecto da súa candidatura ao 17º Congreso autonómico, un conclave de “reactivación orgánica, de actualización ideolóxica e de ilusión”. Alí manifestou que unha das aprendizaxes que deixou a pandemia foi que en España hai unha lexislación ordinaria que non serve para situacións coma esta, por iso, ante o silencio e a desidia do Executivo central, os populares reformaron a Lei galega, que é copiada polos socialistas nas Baleares sen que o Goberno a recorra.
Do mesmo xeito, recordou que Galicia mellorou a súa capacidade diagnóstica e que funcionou durante a pandemia como un Hospital Único -con total flexibilidade de espazos e recursos, cunha visión unificada entre as áreas e cunha tremenda solidariedade e coordinación entre os profesionais-, o que resultou ser un modelo de éxito clave na xestión dos peores momentos e útil para axilizar a atención. Ademais, indicou que se tomará exemplo das unidades posCovid, nas que profesionais de distintos servizos tratan integralmente a pacientes, trasladando esta experiencia a tratamentos de enfermos crónicos, oncolóxicos ou con enfermidades raras.
Como apuntou, os populares levan unha década dicindo que a Teleasistencia e a Atención a Domicilio non só son un complemento magnífico á atención presencial e hospitalaria, senón que son clave para atender máis e mellor a unha poboación envellecida e dispersa como a galega. Neste sentido, fixo fincapé no beneficioso que foi durante a crise sanitaria o Telea ou o servizo de Hospitalización a Domicilio, que tan criticados foron polo resto de partidos. Afortunadamente, aseverou que o PPdeG coñece o país e a xestión sanitaria, facéndolle máis caso ás necesidades dos galegos cás teimas da oposición.
A MELLOR DÉCADA DA NOSA EDUCACIÓN
Por outra banda, o candidato salientou que a Educación tamén será un dos principais eixos de traballo nos vindeiros anos, pois é unha das pedras angulares sobre as que se constrúe unha Comunidade que queira ser próspera.
Segundo afirmou, o PPdeG cre nunha Galicia que aposta pola excelencia educativa como vía de impulso social e económico, lembrando que vimos de vivir a mellor década para a nosa Educación: mellores cifras da historia no Informe Pisa, redución á metade do abandono escolar, desenvolvemento dun sistema de FP Dual que é referencia en formación e en inserción laboral, implantación dun exitoso modelo plurilingüe que se seguirá ampliando ou conxelación das taxas universitarias ata converternos na Comunidade máis barata para estudar un grao ou máster.
Malia todo isto, recoñeceu que non é suficiente e que os populares propoñen unha Educación que lidere o cambio tecnolóxico, para o que están a implantar competencias dixitais e ensinanzas en Intelixencia Artificial en todas as etapas educativas. Igualmente, conscientes de que os centros teñen que ser espazos de socialización, de creatividade, de innovación e accesibles, están a desenvolver un Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para implantar xa o modelo de escola do futuro.
Así mesmo, remarcou que traballan por unha Educación Superior que ofreza un futuro laboral de calidade, cun novo impulso da FP Dual, con máis centros integrados, máis graos e máis plurilingüismo; e coa actualización do mapa de titulacións de grao e máster. En definitiva, resaltou que o obxectivo é lograr que a década que temos por diante sexa aínda mellor que a anterior.
SOLUCIÓNS REAIS PARA UNHA GALICIA REAL
Feijóo tamén sinalou que pensar na nosa Autonomía é traballar para mellorar a Sanidade, a Educación, os Servizos Sociais ou a economía. Pola contra, cuestionou as solucións para a “Galicia real” que aporta o BNG, que di que todo se arranxa coa autodeterminación, que temos que facer o que fai Otegi no País Vasco ou Junqueras en Cataluña, e cuxo modelo é o non a todo: “Ao único que lle din que si é á radicalidade e á independencia, pero a iso os galegos levamos décadas dicíndolles contundentemente que non nas urnas grazas ao PP”.
Pola súa parte, explicou que tampouco é unha solución aplaudir todo o que faga Pedro Sánchez, como fan os socialistas galegos ante a discriminación dos repartos de fondos dos últimos meses, ante o desamparo á nosa industria forestal, naval ou electrointensiva, ou ante a decisión de deixar a Lugo sen tren ou sen Alcoa. Nese senso, aclarou que a Comunidade non se defende repetindo os argumentarios que mandan de Ferraz ou da Moncloa, senón “coa cabeza, cos pés e co corazón en Galicia, que é xusto o que ten o noso partido”.