A orde do día da sesión plenaria que celebra esta mañá a corporación provincial reflicte, en opinión do portavoz popular, Javier Castiñeira, “a inoperancia do goberno bipartito”.
A inoperancia do equipo presidido polo socialista José Tomé demóstrase, di Castiñeira, “cos recoñecementos extraxudiciais de facturas que non seguiron os procesos administrativos correspondentes, con reparos de intervención pola mala xestión, como por exemplo da maquinaria do Parque Móbil ou reparos que se repiten, como son os da Granxa Gayoso Castro”.
Para o portavoz popular, “é un pleno no que no peor momento se suben os prezos públicos da recría a un sector gandeiro que necesita motivación e non subas de custos, ademais motivada por unha directora posta practicamente a dedo polo propio presidente da Deputación”. Nesta sesión plenaria “se pide á Xunta o que non é capaz de facer a Deputación co seu patrimonio, que é arranxalo, como o demostra o estado no que se atopa a Casona do Incio; como podemos esixir ás demais administracións que fagan o que nós non somos capaces de facer?”
Na sesión de hoxe, sinala Castiñeira, “por enésima vez imos pedir ao Goberno central que interveña provisionalmente Alcoa, porque temos en Lugo un goberno na Deputación que apenas ten peso político en Madrid, onde o ningunean”.
Un pleno máis “só o Partido Popular fai verdadeiras propostas”. Así, di o portavoz do PP, “propoñemos proxectos para os fondos Next Generations; nunca se convocou ao PP para falar destes fondos; propoñemos usalos, entre outros fins, para crear a Gran Senda do Navia, un proxecto abandonado polo Goberno no 2018 nun caixón do Ministerio de Agricultura”.
Castiñeira indica que “outra das propostas que presentamos os populares a este pleno e para dar solucións á nova tarifa eléctrica que está afogando aos fogares e as empresas lucenses”.
Pola vía do rogo, os populares reclaman de novo nesta sesión arranxos nas vías provinciais. Castiñeira sinala: “Levamos sesión tras sesión pedindo isto; é lamentable que o delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, non aprenda; estamos sendo chamados continuamente a visitar estradas provinciais que están en condicións deplorables, terceiromundistas. Novamente levamos ao pleno dúas estradas, unha na Pastoriza e outra no concello de As Nogais”.
En resumo, o pleno que celebramos esta mañá “demostra a inoperancia do goberno da Deputación para xestionar os recursos de todos os lucenses”.