As evidencias da incapacidade de xestión do goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, son cada día máis, ata sumar unha longa colección que os veciños poden comprobar persoalmente. Así o sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que pon como exemplo do que di o edificio da antiga Fundación Comarcal, na avenida Ramón Canosa. O edificio foi cedido pola Xunta ao Concello en 2016 e a día de hoxe presenta un alarmante estado de deterioro e de falta de limpeza.
Óscar Rodríguez sinala: “O chamado edificio de cristal converteuse polas súas características nunha referencia na paisaxe urbana de Viveiro. É un edificio construído pola Xunta, que foi a sede Fundación Comarcal da Mariña Occidental e que posteriormente foi cedido pola Xunta ao Concello. No momento da cesión o edificio estaba impecable”.
Pasados os anos e debido a un evidente déficit de mantemento por parte do Concello, o inmoble que foi sede da Fundación Comarcal, presenta un aspecto lamentable. Rodríguez sinala: “Están deterioradas ata algúns dos elementos metálicos que dan personalidade a fachada deste edificio. Hai cristais estalados que non son nin cambiados nin reparados e nalgúns puntos despréndese os recubrimentos. A situación é tan preocupante, que no entorno do edificio hai valos que levan alí gran cantidade de tempo, como é fácil comprobar. En resumo, un abandono total, ata o punto de que pode chegar a haber perigo”.
Os populares queren saber se o goberno de Viveiro pensa facer algo para poñer remedio á situación de abandono no que se atopa o edificio de cristal da avenida Ramón Canosa, no que o Concello ten cedidos locais a varias asociacións e agrupacións.