Partido Popular de Lugo

Daniel Vega aclara que “a Xunta inviste máis de 381.000 euros na tramitación do PEPRICH de Ribadeo”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, aclara que “a Xunta aportou ata o momento máis de 305.000 euros para a tramitación do PEPRICH de Ribadeo” que supón o 80% dos máis de 381.000 euros que a Xunta inviste no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Núcleo Histórico de Ribadeo, tal e como recolle a orde reguladora do 2 de marzo de 2010.

 

A Xunta foi abonando o 80% en distintos momentos do procedemento: un 20% para a modificación do contrato, un 30% coa súa aprobación inicial e outro 30% coa súa aprobación provisional. “O 20% restante será abonado unha vez que o Concello remita á Dirección Xeral de Urbanismo a documentación xustificativa coa aprobación definitiva deste plan que lle permite ao Concello axilizar os trámites urbanísticos do casco histórico”, explicou Vega.

 

O popular destaca a utilidade deste plan como “base legal para facilitar a mellora do noso núcleo histórico e, polo tanto, a súa revitalización da zona respectando o noso patrimonio”.

 

Apoio á rehabilitación

Daniel Vega salienta tamén que a Xunta apoia a rehabilitación do casco histórico ribadense coa promoción de convenios entre as distintas administracións que permitiron certificar máis de 2 millóns de euros en axudas para a rehabilitación de vivendas da área de rehabilitación integral (ARI) da vila de Ribadeo. A través do último convenio, asinado no 2018, a Xunta achega 90.000 euros para o financiamento do servizo de asesoramento técnico no municipio.

 

 

 

 

Axudas aos veciños

Ademais das axudas específicas para as áreas de rehabilitación integral; os veciños interesados en rehabilitar as súas vivendas poden beneficiarse doutras axudas que convoca a Xunta.

 

De feito, continúa aberto o prazo ata o 30 de novembro para solicitar aquelas relacionadas co programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas. Ata o 30 de setembro pódense solicitar as axudas do programa de fomento e rexeneración urbana na área de rehabilitación integral do Camiño de Santiago do que se poden beneficiar os propietarios de vivendas das parroquias ribadenses polas que pasa o Camiño Norte.

 

A Consellería de Medio Ambiente ofrece apoios para os compradores de vivendas nos cascos históricos entre os que se inclúe o de Ribadeo. A contía das axudas será de ata 12.800 euros por vivenda para os compradores menores de 35 anos e de 10.800 euros para os maiores desa idade, ata un límite do 20 % do prezo de compra da vivenda en ambos casos. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 1 de setembro.