Partido Popular de Lugo

A conselleira Ethel Vázquez confirma a Castiñeira o seu compromiso coa nova depuradora de Foz

O PP de Foz pon en valor o compromiso que demostra a Xunta con Foz, co impulso á instalación da nova planta depuradora de augas residuais, unha infraestrutura moi necesaria para resolver algúns dos problemas principais que ten este municipio. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “A semana pasada, o PP de Foz mantivo unha reunión coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a propósito da construción da nova depuradora de Foz; agradecemos que a Xunta de Galicia siga co compromiso firmado no seu momento  co goberno do PP para a nova depuradora de Foz e que estea avanzado. No día de hoxe sae publicada oficialmente (DOG) a declaración de impacto ambiental, que é un paso fundamental para a súa posterior licitación”.

 

Castiñeira manifestou: “O que transmitiu a conselleira ao PP de Foz foi que se mantén o compromiso da Xunta. No próximo pleno do Concello aprobarase o anteproxecto, que é polo que apostou o PP, situando a depuradora  na Granda, entre Forxán e Fazouro. No PP trataremos de que o goberno municipal inclúa unha partida nos orzamentos xerais do Concello para comprar os terreos”.

 

Os populares anuncian que velarán para que o goberno municipal prosiga cos trámites necesarios para a construción da nova depuradora. Castiñeira sinala: “Esperamos que o goberno municipal siga adiante e cambie definitivamente a súa opinión inicial, que era contraria a esta ubicación. Parece que non van impedir este proxecto, que é o de maior investimento que se vai facer neste concello”.

 

A nova infraestrutura “resolverá un problema medioambiental e de malos olores, que dan unha imaxe moi mala de Foz durante os veráns; é un paso fundamental para corrixir ese gran problema”.