Partido Popular de Lugo

O PP presentará iniciativas nas institucións para relanzar o proxecto da Gran Senda do Navia, bloqueada polo Goberno dende 2018

A Gran Senda do Navia é un ambicioso proxecto lanzado pola sociedade civil e impulsado por institucións galegas e asturianas, que durme o sono dos xustos dende que en 2018 foi presentado ao Goberno para a súa declaración de interese xeral e a posterior inclusión na Red de Caminos Naturales. O PP non quere que unha iniciativa que considera moi relevante dende distintos puntos de vista se perda nos caixóns da Administración; esta senda descorre polo ámbito do xeodestino de Os Ancares. Anuncia que presentará iniciativas en distintos ámbitos institucionais para dar impulso a esta gran senda. Así o deron a coñecer esta mañá en Navia de Suarna, ao pé do río, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, xunto cos alcaldes e portavoces populares nos sete concellos lucenses afectados, ademais de deputados e senadores.

 

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, explicou: “Dende o Partido Popular de Lugo queremos demandar dende aquí, dende Navia de Suarna, que se retome canto antes o proxecto da Gran Senda do Navia, un grandísimo espazo, de máis de 400 quilómetros, entre O Cebreiro e o Cantábrico, que una Galicia e Asturias. É un proxecto que afecta a catro comarcas e 16 concellos das dúas autonomías, dos cales sete son lucenses, concretamente: Pedrafita, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Cervantes. Este proxecto, promovido no seu día dende varios colectivos e pola Deputación de Lugo e o Principado, é moi interesante. A tramitación da Gran Senda do Navia leva parada dende xaneiro do 2018, en que foi presentada ante a Dirección General de Desarrollo Rural y Política  Forestal e que logo, coa moción de censura, quedou totalmente  apartado”.

 

Os populares indican que “a intención é conseguir a declaración de interese xeral e integrar esta senda na Red de Caminos Naturales”.  É algo no que “todos os concellos afectados están de acordo, e tamén a Deputación; PP quere retomar este proxecto e que non quede no esquecemento  e para elo anunciamos que presentaremos iniciativas nas diferentes administracións”.

 

Castiñeira dixo: “É unha iniciativa moi interesante. Sería unha senda peonil e ciclista, que protexería o espazo natural que xera o Río Navia e, á vez, promovería o turismo de natureza, que tan bo resultado dá en Galicia. É unha posta en valor  dos recursos do rural; é un bo proxecto que se podería financiar cos fondos Next Generations de recuperación”.  Tamén indicou: “Inicialmente, calculouse un orzamento de 4,2 millóns de euros; se se leva adiante, tería un retorno moito maior e sería un valor moi importante. É un proxecto que reforzaría ás tres principais alternativas do Camiño de Santiago, porque as atravesaría: o Francés, o Primitivo e o do Norte. O PP está a favor de que esta senda sexa unha realidade e esperemos que a Administración retome o proxecto canto antes”.