Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde considera que as explicacións do alcalde sobre o futuro laboral das traballadoras do SAF “non son cribles nin entendibles”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Castroverde, Rubén Otero, asegura que as explicacións do alcalde sobre o futuro laboral das traballadoras do servizo de axuda no fogar (SAF), unha vez remate o contrato da actual empresa adxudicataria o 31 de xullo, “non son cribles nin entendibles”. Así o manifesta tras asistir a unha reunión na praza da vila convocada polo Concello respondendo a unha invitación das propias traballadoras.

 

O popular, preocupado pola situación, agarda que “se solucione este tema o mellor e o máis axiña posible” coa próxima adxudicación do servizo a unha empresa que garanta a correcta prestación do servizo aos usuarios e os empregos das traballadoras que, actualmente, sofren irregularidades nos seus pagos”.

 

Así mesmo, empraza ao goberno local a facer un correcto seguimento tanto do procedemento de adxudicación do servizo coma da súa prestación co obxectivo de que “os usuarios estean ben atendidos e as traballadoras teñan garantidos os seus dereitos laborais”, manifestou.

 

O PP de Castroverde continuará interesándose pola prestación deste tipo de asistencia tan útil para as persoas maiores ou aquelas con mobilidade reducida e apoiando as reivindicacións das traballadoras que ven o seu futuro laboral con incerteza.

 

O popular recorda, así mesmo, que “é responsabilidade do rexedor estar ao corrente de como se desenvolve o servizo e tamén de informar aos grupos políticos da corporación”.