Partido Popular de Lugo

O PPdeG demanda ao Concello de Vilalba que faga algunha xestión ou presente unha solicitude para a construción do centro de día

O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe no Parlamento galego que o Concello de Vilalba “faga algunha xestión e presente unha solicitude á Xunta para a construción dunha casa do maior, unha obra que conta co apoio do grupo municipal do PP”.

 

Alberto Pazos lamentou “a estratexia que seguen tanto o BNG como o PSdeG de intentar enganar aos galegos insistindo nunha suposta falta de compromiso do Goberno galego cos servizos sociais de Galicia”. “Unha estratexia do engano que é contundentemente desmentida polos datos obxectivos e polo respaldo dos galegos á política social do PPdeG”, asegurou.

 

Referíndose en concreto á construción dun centro de maiores en Vilalba, Pazos lembrou que “o propio grupo municipal do PPdeG formulou a construción dun centro de día que mellore a atención aos maiores, unha demanda tamén realizada polo Sindicato Labrego Galego, solicitando ao Concello que facilite o proxecto e a ubicación, así como propoñendo unha fórmula de financiamento viable a través dos fondos europeos Next Generation”.

 

Porén, o portavoz popular lamentou que, “despois de que o grupo socialista prometera durante a campaña electoral municipal a construción dun centro de día en Vilalba, pasaron dous anos de mandato e só se lle ocorreu volver a sacar este tema, sen facer ningunha xestión ou presentar solicitude algunha, cando ten outras polémicas municipais enriba da mesa, como a proposta peatonalización de rúas locais”.

 

Alberto Pazos recordou, ademais, que o Grupo Socialista tamén presentara unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2021 na que recollía unha partida de 600.000 euros para a construción deste centro de día, “pero ocultaron aos cidadáns que para o financiamento deste gasto minoraban a partida correspondente aos gastos de persoal e mantemento dos centros públicos de atención ás persoas maiores dependentes do Consorcio Galego do Benestar, entre os que se atopan os centros de Abadín, Begonte ou Cospeito”.