Partido Popular de Lugo

O PPdeG defende a conciliación real e aposta pola ampliación da gratuidade das Escolas Infantís de 0 a 3 anos para todos os nenos

Os PPdeG mantén o seu compromiso co reto demográfico e defende a conciliación real, efectiva e en igualdade entre homes e mulleres, como reflicte o relatorio “Servizos públicos para unha sociedade plural e acolledora”, coordinado por Marta Fernández-Tapias, con Cristina Abades, Martina Aneiros e César Fernández, e que será debatido no 17º Congreso.

 

“Soster unha sociedade envellecida como a nosa é unha débeda que temos cos nosos maiores, sen esquecer o obxectivo de dar máis oportunidades á mocidade que quere impulsar proxectos familiares e profesionais na nosa terra”, manifestan os populares nun documento no que destaca a ampliación da gratuidade das Escolas Infantís de 0 a 3 anos a todos os nenos e para o que reclamarán o apoio económico do Goberno central.

 

APOIO ÁS FAMILIAS: DE NETOS A AVÓS

“Galicia debe apoiar sen prexuízos todos os tipos de familia que os galegos decidan formar libremente”, recolle a ponencia, na que se atende ás necesidades de diversas realidades familiares, como as monoparentais, para as que cómpre aprobar o primeiro Plan de Apoio da nosa historia, ou as reconstituídas, ás que se quere facilitar a mediación nos procesos de custodia compartida.

 

No texto atópanse propostas como racionalizar os horarios para lograr unha xornada máis compacta, fomentar fórmulas de flexibilidade laboral e medidas para a desconexión dixital fóra do horario de traballo. Grazas á colaboración estreita entre os poderes públicos e o tecido empresarial privado, os populares tamén defenden que nos vindeiros anos a Xunta fomente a instalación de, como mínimo, un centenar de servizos de conciliación nos centros de traballo.

 

No tocante ao crecente problema da soidade non desexada, Galicia dispón dunha estratexia pioneira para acompañar ás persoas maiores que se senten illadas. Nesta liña, a idea é aproveitar os servizos postais, o pequeno comercio e as entidades sociais para constituír unha ampla rede de atención contra a soidade. Tamén se insta a poñer en marcha modelos de cohousing, tanto en contornos rurais como en zonas urbanas.

 

Para os galegos que precisen ser atendidos nunha residencia, os populares comprométense a reformar o modelo actual actuando en tres vectores: a implantación plena da perspectiva sociosanitaria e a integración de procesos, o reforzo da presenza da tecnoloxía, e un deseño arquitectónico que respecte a intimidade dos usuarios e favoreza unha atención individualizada.

 

A APRENDIZAXE DA PANDEMIA

Ademais de facer fincapé no rexeitamento da decisión do Goberno central de recorrer ante o Tribunal Constitucional a reforma da Lei de Saúde autonómica, o PPdeG, coñecedor do papel dos profesionais sanitarios, demanda que o Estado elimine a taxa de reposición para ampliar as ofertas públicas de emprego e rebaixar a eventualidade. Do mesmo xeito, esixen que se autorice un maior número de prazas MIR en especialidades deficitarias e que se recoñeza o antes posible a especialidade de Urxencias.

 

“Entendemos oportuno consolidar o sistema de hospital único no Sistema Galego de Saúde”, indica a ponencia, que salienta a flexibilidade dos espazos físicos como clave, así como a visión unificada das distintas áreas sanitarias desde o punto de vista asistencial e unha maior coordinación da Atención Primaria e Especializada. Nese senso, tamén se pide converter os espazos hospitalarios e clínicos en espazos que faciliten a colaboración dos equipos.

 

Tralo vivido coa pandemia, os populares apostan por avanzar no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica nos colexios e consolidar un sistema de ensino virtual ao alcance da comunidade docente e das familias. Igualmente, céntrase na saúde mental da cidadanía galega nesta crise, para o que propoñen que o Comité Clínico que asesorou ao Goberno galego se amplíe coa incorporación de profesionais da Psiquiatría e da Psicoloxía.

 

A SANIDADE PÚBLICA DESPOIS DA COVID

Sobre Sanidade pública, a ponencia sinala a necesidade de dar resposta ás crecentes enfermidades crónicas, para as que son moi relevantes os servizos de hospitalización a domicilio ou sistemas de telemonitorización como TELEA; e insístese en que a atención sanitaria deberá organizarse cada vez máis mediante áreas funcionais centradas na patoloxía do paciente.

 

Co obxectivo de preservar a humanización da atención ao enfermo e do trato á familia, o texto apunta mellorar as habitacións, avanzando cara a un maior número de individuais, e dotar aos centros de novo mobiliario. Igualmente, débense mellorar as zonas de espera e ampliar as áreas de esparexemento, especialmente as destinadas á poboación infantil; así como aumentar a accesibilidade da atención para as persoas con discapacidade auditiva.

 

Pola súa parte, incídese en que a saúde mental debe seguir incrementando o seu protagonismo, solicitando que o avance do Plan de Saúde Mental implante mecanismos e vías rápidas que permitan facer un diagnóstico precoz.

 

TRANSFORMACIÓN EDUCATIVA

Por outra banda, o relatorio defende a participación das familias como parte activa do proceso educativo e procura que a educación se adapte ás súas necesidades e preferencias, incluídas a educación especial e concertada -postas en risco na última normativa nacional-.

 

“A cultura do mérito e o esforzo é clave para acadar a excelencia educativa e mellorar a formación”, por iso os populares rexeitan o aprobado xeral con independencia do número de suspensos que o actual Goberno central quere implantar, pois mingua a calidade do sistema e racha coa función do ensino como xerador de igualdade de oportunidades.

 

Os idiomas son tratados como unha peza fundamental no relatorio, por iso prevese seguir favorecendo o coñecemento do galego e o castelán, para fomentar o seu uso libre, e apóstase por consolidar o modelo plurilingüe para garantir o acceso a unha terceira lingua, nomeadamente o inglés.

 

Tamén se avoga polo reforzo nos centros educativos de ferramentas de prevención do acoso, comportamentos discriminatorios e machistas, prestando unha atención especial ás novas formas de violencia como o acoso virtual.

 

COIDAR A GALICIA DO FUTURO

No que respecta ás políticas de inclusión social, o PPdeG promove garantir o acceso a ingresos de primeira necesidade cando se detecten situacións de pobreza ou exclusión, ao tempo que se impulsa a saída do sistema de prestacións públicas a través da formación e da adquisición de habilidades que faciliten a entrada no mundo laboral. De feito, exponse que a Risga debe reformularse para atender casuísticas persoais e familiares de emerxencia que o IMV non cobre e para fomentar que as axudas veñan vinculadas cun itinerario de inclusión sociolaboral.

 

O relatorio tamén evidencia a preocupación polo repunte do machismo detectado entre as xeracións máis novas, un problema que se debe atallar de raíz a través da educación, e condena todos os tipos de violencia no ámbito familiar, especialmente a exercida contra menores de idade e persoas maiores.

 

AS POSIBILIDADES DO RURAL

No que respecta ao eido rural, ábrese a posibilidade de reconverter os centros escolares en desuso ou equipamentos semellantes en centros de servizos sociais, ademais de plantexar que as Casas do Maior cheguen ao 100% dos concellos galegos sen centro de día ao longo dos vindeiros anos.

 

Así mesmo, óptase pola implantación de iniciativas de asesoramento como os Polos de Emprendemento e servizos de orientación e formación laboral adaptados á realidade do territorio, e polo fomento da dixitalización. Sobre a consolidación de Galicia como espazo verde e os fundamentos da denominada “economía azul”, ponse o foco na oportunidade que supón converter o noso rural nun espazo atractivo para visitar.