O Partido Popular de Monforte solicita ao Concello que proceda a supervisar a superficie forestal non desbarbada do municipio, e que segundo a lei de 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e o convenio subscrito coa FEGAMP, a Xunta e Seaga, ten a obriga de manter limpa por risco de incendio ao estar preto das casas. Así exporán no pleno que celebrará a Corporación municipal a vindeira semana en previsión de “evitar un mal maior”, tal e como apunta a voceira Katy Varela.
O 31 de maio rematou o prazo que lle concede a administración autonómica aos propietarios de terreos forestais para realizar unha correcta limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas. Unha vez pasada esta data, a responsabilidade subsidiaria da xestión da biomasa corresponde ás entidades locais. Para este cometido o Goberno galego colabora con consistorios, a través do acordo de protección das aldeas subscrito, e que inclúe o desenvolvemento da plataforma XESBÍO, que permite aos Concellos xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza das franxas e comunicarse cos donos das fincas que están dentro de esas zonas.
As entidades locais adheridas, entre elas a de Monforte, poden facer execucións subsidiarias e actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal hasta un máximo de 10 quilómetros ao ano. É, por este motivo, “e en aras de adiantarse a calquera incidencia que poida xurdir durante os meses de verán, que lle solicitan esta actuación ao goberno local.
Coa plataforma Salvemos o Malecón
Noutra orde de asuntos, a voceira do PP, na súa condición profesional de avogada, tamén participará este sábado nas xornadas sobre mobilidade e rexeneración urbana promovidas pola plataforma cidadá Salvemos o Malecón, e que se enmarcan na programación deste colectivo para rexeitar o proxecto da nova ponte sobre o río Cabe, que pretende levar a cabo o alcalde.
Os populares xa anunciaran en días pasados que apoiaban as reivindicacións da platoforma, consistentes en que a peonalización da ponte vella se podería levar a cabo sen a necesidade de construír unha nova nas súas proximidades. Por este motivo, Varela tamén acompañará aos integrantes da mesma na cadea humana convocada para este domingo, 27 de xuño.