O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia para que manteña nesta campaña 2021 as axudas excepcionais ao financiamento operativo das adegas de elaboración de viño. Así mesmo, a deputada popular Raquel Arias avanzou que “solicitaremos á Xunta que regule mecanismos de apoio aos viticultores afectados por fenómenos climatolóxicos adversos”.
Raquel Arias sinalou que a nova convocatoria de axudas ao sector vitivinícola para 2021 “debe conseguir que as adegas poidan dispoñer de forma efectiva de préstamos bancarios o antes posible, para que cumpran a súa función principal de pagamento das uvas e do circulante de explotación”.
“Para iso, é fundamental publicar a convocatoria antes do comezo da vendima e permitir que as adegas poidan facer a solicitude cos datos de previsións de colleita sen ter que agardar á súa finalización”, concretou.
MAIOR FLEXIBILIDADE
Ademais, demandou que as solicitudes de préstamos se poidan presentar directamente na Administración galega e se permitan os préstamos a 3 ou 5 anos, dando máis flexibilidade ás adegas para adaptalos aos seus intereses.
“O obxectivo é acadar a recuperación do sector ata niveis pre-covid, fundamentalmente en canto ao volume comercializado e ao mantemento do número de adegas, de xeito que poidan aproveitar o previsible incremento da demanda de viño de calidade a nivel nacional e internacional”, sinalou a deputada popular.