Partido Popular de Lugo

Encarna Amigo confirma no Parlamento que o servizo de Radioloxía do hospital da Mariña mantén a actividade ordinaria e a atención continuada

A deputada autonómica e voceira de Sanidade do PPdeG no Parlamento de Galicia confirmou que o servizo de Radioloxía do hospital da Mariña mantén a actividade ordinaria e a atención continuada, de tal xeito que os doentes desta comarca nunca tiveron que desprazarse a ningún outro hospital para a realización de probas de diagnose, salvo a mulleres do plan de cribado do cancro de mama que, despois de facer a mamografía na Mariña, e sempre por indicación do propio sistema, precisan unha terceira proba específica e dirixida que debe realizarse no Hula.

 

Desta forma tan rotunda a popular desmontou “as falsidades” esgrimidas polos socialistas respecto deste asunto nos últimos días, pois dende a dirección do centro, explicou, “tomáronse as medidas pertinentes para garantir a prestación deste servizo que conta na actualidade con 3 radiólogos”.

 

Falta de radiólogos, non desentendemento do Sergas

A plantilla do hospital da Mariña é de 5 especialistas en Radioloxía. O motivo da ausencia dos dous facultativos non é outro que a falta de profesionais. “Non hai radiólogos dispoñibles”, precisou a deputada autonómica. Con todo, dende que se produciron as vacantes, o Sergas ofertou de xeito inmediato as dúas prazas de forma continuada e séguese a ofrecer a todos os residentes que remataron no último ano. Tamén se levou a cabo unha busca activa en todas as frontes posible. Tal é así que, nos últimos dous meses, se desenvolveu unha oferta pública destas dúas prazas para a súa cobertura e interinidade; unha das convocatorias quedou deserta e, a segunda, está na actualidade en fase de resolución. Mentras, destaca Amigo, “o servizo nunca se viu mermado na atención aos doentes”.

 

“Compromiso patente”

O obxectivo da dirección do hospital, da xerencia da Área Sanitaria e do Sergas, remarcou a deputada, é cubrir tan pronto sexa posible estas prazas. Por iso, os populares votaron a favor da iniciativa presentada polo Grupo do PSOE. E é que “o compromiso coa sanidade pública da Xunta de Galicia, tal e como veño de explicar, queda patente, como así se demostra tamén co investimento de 15 millóns de euros para continuar coa reforma do hospital”.

 

Concretamente, lembrou a voceira de Sanidade, as fases dúas e tres do plan director inclúe o deseño dun novo edificio, así como a modernización e a reorganización de espazos nas estruturas existentes. O pasado ano rematouse a primeira fase, que incluíu a construción dun edificio novo anexo ao orixinal e  alberga diversas consultas externas, ademais do hospital de día, as áreas de Hospitalización e Farmacia, e un aparcadoiro con dúas plantas cun heliporto na súa cuberta. Todo elo, cun orzamento doutros 15 millóns. Tamén se melloraron varios sevizos, de tal xeito que hoxe todos os mariñaos con cancro son atendidos no seu hospital por oncólogos especializados en cada enfermidade. “Así evitamos que se despracen os doentes, atendéndoos preto do deu domicilio. O mesmo acontece en Monforte. É dicir, son os médicos os que se moven e non os enfermos”, puntualiza.