Partido Popular de Lugo

Castiñeira insta a Tomé a presentar ao pleno como proposta do goberno da Deputación a iniciativa do comité de Alcoa para que a SEPI interveña provisionalmente a planta de Aluminio

O PSOE mantén un xogo moi escuro en todo o que ten que ver co futuro de Alcoa. O comité de empresa presentou as institucións locais, concellos e Deputación, unha iniciativa para que a SEPI interveña temporalmente a planta de Aluminio. Na Deputación, o PSOE non quere presentar esa iniciativa como de goberno e, por iso, a presenta o BNG como grupo político. Os populares esixen que, como se fixo noutros moitos casos, esta iniciativa do comité de Alcoa sexa presentada como iniciativa do goberno provincial. En todo caso, o PP anuncia que apoiará esta moción.

 

O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Dende  o grupo provincial do PP esiximos ao goberno  da Deputación que  presente a iniciativa que lle propuxo o comité de empresa de Alcoa, do mesmo xeito que o fixeron os diferentes concellos na Mariña; que o faga como proposta de goberno ou proposta de presidencia, pero sen ser de ningún partido político en concreto”.

 

Os populares pregúntanse “que é o que  ten que ocultar o PSOE de Lugo para non querer levar  a moción como proposta de goberno na Deputación, cando noutros casos similares si se fixo, poñendo voz a outros diferentes colectivos que así o pediron”.

 

Castiñeira di: “Cremos que se trata simplemente de desvirtuar a proposta e que queren protexer ao PSOE dende as institucións; tratan de evitar que as reivindicacións do comité, ante a negativa do Goberno de  intervir a planta de Aluminio, leven o selo da Deputación de Lugo”.  E iso a pesar de que “en todos os concellos nos que se presentou, gobernados polo PP e tamén polo propio BNG,  presentouse como proposta de goberno e ningún partido quixo capitalizar a iniciativa que vén do comité, como está pasando agora na Deputación; ao non presentar esta proposta como goberno, o BNG decidiu presentala como proposta de partido, o cal non ten o mesmo  significado”.

 

Castiñeira anuncia: “O PP vai votar a favor, veña a proposta do goberno ou veña  do BNG, o que si queremos é que o Goberno cumpra o prometido e actúe intervindo  coa SEPI provisionalmente a planta de Aluminio. Lamentamos o esquinazo que o presidente  e o goberno da Deputación dan ao comité, non facéndoo como goberno, como institución, ás reivindicacións de miles de veciños  da Mariña que viven do aluminio, obrigando ao BNG a levala como moción de partido, co cal, evidentemente non ten  o mesmo significado”.