Partido Popular de Lugo

O PP lembra que a Xunta comprométese a aportar un terzo do custo da mellora do saneamento de San Miguel de Reinante e quere saber se a Deputación aportará outro tanto

Un saneamento en boas condicións, con capacidade para atender ás necesidades da poboación, é fundamental para a conseguir calidade medioambiental. Aínda máis en municipios que, polas súas características, acollen durante a tempada estival a gran número de visitantes. Este é o caso do concello de Barreiros e sinaladamente, dentro deste, de San Miguel de Reinante. É necesaria unha mellora do saneamento e para elo é precisa a colaboración das distintas administracións. A Xunta comprométese a aportar un terzo do custo das obras; outro terzo correría por conta do Concello e, o restante, a cargo da Deputación. O grupo provincial do PP quere coñecer se a Deputación, presidida polo socialista José Tomé, está disposta a colaborar, na porcentaxe indicada, na mellora do saneamento de San Miguel de Reinante. O deputado popular José Manuel Gómez Puente anuncia a presentación dunha pregunta na próxima sesión plenaria do organismo provincial.

 

Puente sinala: “A normativa vixente en materia de réxime local establece que os concellos teñen a competencia exclusiva en materia de abastecemento e saneamento. Conforme a esta mesma normativa tamén as deputacións provinciais teñen entre as súas obrigas prestar apoio ás entidades municipais nas súas competencias, fundamentalmente aos municipios máis pequenos”.

 

O mesmo deputado popular lembra que “dende a Xunta de Galicia ofrecéuselle ao Concello de Barreiros apoio técnico para realizar un estudo de alternativas que lle permita determinar a actuación máis idónea para a mellora do saneamento en San Miguel de Reinante, onde este servizo público municipal presenta deficiencias”. Destaca que “o Goberno galego trasladou incluso a súa disposición para cofinanciar a actuación que se estime tecnicamente máis acaída na mesma porcentaxe que a Deputación Provincial de Lugo e o Concello, é dicir, un terzo do investimento necesario”.

 

Os populares queren saber se o Concello de Barreiros pediu colaboración á Deputación para a mellora do saneamento de San Miguel de Reinante e, de ser así, se aportará a parte correspondente.