Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde pídelle ao alcalde que garanta o servizo de axuda a domicilio con todas as garantías que esixe esta prestación

O Partido Popular de Castroverde, que lidera Rubén Otero, pídelle ao alcalde que garanta o servizo de axuda a domicilio para que este se desenvolva con todas as garantías que esixe este tipo de asistencia tan necesaria para as persoas maiores ou que contan como mobilidade reducida. O popular diríxese así ao rexedor socialista, unha vez coñecido que a empresa adxudicataria remata o contrato o 31 de xullo e as traballadoras, que presentan irregularidades nos seus pagos, tal e como lle advertiron a Otero, non saben que vai pasar co seu futuro, pois incluso poden verse afectadas por ERE.

 

“Estamos moi preocupados”, expón o popular. E é que deste servizo benefícianse máis dun centro de familias en todo o municipio. Por este motivo, e dado que é a entidade local a que se encarga da contratación, adxudicación e xestión de dita prestación, esíxenlle responsabilidades ao alcalde, co fin de que, primeiro, o servizo continúe funcionando e, segundo, as traballadoras teñan garantido o seu emprego.

 

Continúan os problemas

A axuda no fogar en Castroverde non é a primeira vez que se vei inmersa en problemas de continuidade. Hai meses os populares tamén expresaran a súa preocupación ante a suposta explotación laboral por parte dunha mai e dunha filla a traballadoras inmigrantes en situación irregular que prestaban este servizo neste e noutros lugares da provincia.

 

Os populares queren seguir sendo prudentes con todo o exposto, pero si que remarcan que é responsabilidade do rexedor estar ao corrente de como se desenvolve e informar aos grupos políticos de todo o que conleva esta prestación, ademais de levar a cabo as xestións oportunas para que o servizo “non se vexa alterado”, xa que “con elo podería prexudicarse aos que menos culpa teñen e que son as persoas que  precisan desta atención”.