Partido Popular de Lugo

Román Rodríguez e Candia abordan coa Comisión de Educación o remate “satisfactorio” do curso “grazas ao esforzo de todos”

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta provincial e deputada autonómica, Elena Candia, abordaron o remate “satisfactorio” do curso académico “máis complicado dos últimos tempos”, pero que foi posible“grazas ao esforzo de todos”. Deste xeito, Candia presidiu a reunión de traballo que mantivo, xunto ao responsable autonómico, cos membros da vicesecretaría de Educación do PP de Lugo, que dirixe Javier Vázquez Prado.

 

O conselleiro, a presidenta e os propios integrantes deste órgano coincidiron en sinalar que “foi a implicación das familias, profesorado, equipo directivo e o resto de profesionais o que propiciou que poidamos falar nestes termos”. Por este motivo, Román Rodríguez apuntou que, “logo das numerosas medidas que se levaron a cabo, xa estamos mirando ao futuro”.

 

“Dende o primeiro momento marcámonos dous obxectivos que se cumpriron todos: garantir a máxima seguridade e que o proceso de ensino-aprendizaxe non parase. É dicir, acadar a máxima normalidade posible dentro da excepcionalidade que trouxo a pandemia”, afirmou o conselleiro.

 

Para elo contratáronse 2.300 mestres a maiores, o que permitiu asegurar ao 100% a presencialidade nas aula. Tal é así, que Galicia foi das poucas comunidades que o conseguiu. Ademais dos protocolos específicos para comedores ou as actividades extraescolares, reforzouse o servizo de limpeza cun millón de euros; o de comedor con 1,7 millóns; blindáronse as axudas ás Anpas con 500.000 euros; repartíronse máscaras hixiénicas entre todo o profesorado e entre todos os alumnos que máis o precisaban; incrementouse nun 42% a partida para os gastos de funcionamento; e creouse con 7 millóns unha Reserva de Garantía Educativa. Tamén se crearon tres plans: de Ensino Virtual, de Atención ao Alumnado Vulnerable e de Benestar Emocional. En total, máis de 162 millóns de euros que investiu o Goberno galego para garantir o desenvolvemento do curso académico que está a piques de rematar.

 

Pola súa banda, Candia puxo en valor “o compromiso indiscutible de todos” e pediu á Comisión de Educación que así llelo traslade a todos os colectivos que conforman a comunidade educativa da provincia.

 

A Educación do futuro

O Comité Educativo marca 3 obxectivos para o vindeiro curso académico, segundo detallou o titular autonómico. Trátase do reforzo da aprendizaxe resentida pola pandemia, para o que se impulsa o Plan Recupera coa contratación de 1.250 docentes; o mantemento do benestar emocional; e o impulso dun modelo de escolas poscovid a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191 millóns de euros. Todo elo,acompañado da convocatoria de 4.000 prazas públicas de emprego nas maiores oposicións de ensino feiras nunca en Galicia que comezan mañá.