Partido Popular de Lugo

Os veciños de Navia levan horas sen ducharse e os hostaleiros teñen dificultades para prestar o seu servizo polo mal funcionamento da traída

O problema da traída de auga de Navia de Suarna volve a facerse visible coas treboadas dos últimos días. Esta situación está a provocar que os veciños leven horas sen ducharse e que os hostaleiros tamén teñan problemas polas deficiencias do servizo.

 

Trátase dunha situación que non é nova, pois o PP xa o expuxo en diversas ocasións e ata llo advertiu ao goberno local en varios plenos, pero o Concello nada fixo para evitar o estado que presenta o subministro nestes momentos. E iso, lembran os populares que o Concello investiu 100.000 euros na construción dun novo sistema de captación que, “como xa indicamos no seu momento, non serviron para atallar as deficiencias no subministro; cuestión que está a causar numerosas queixas entre os veciños e que nos deixa peor do que estabamos”, afirman.

 

Esta situación é a que leva aos populares naviegos a pedir, unha vez máis, ao alcalde que busque unha solución, xa que “o que fixo non serviu absolutamente para nada, a pesares de ser unha cantidade o suficientemente importante como para atallar o problema”.

 

A turbidez tampouco se eliminou e os cortes no subministro tamén seguen sendo recorrentes. Isto provoca “serios problemas” aos veciños e tamén aos hostaleiros da localidade que non teñen forma de cociñar nin de lavar os alimentos. Por este motivo, dende o Grupo Municipal Popular esixen ao goberno local “que se deixe de escusas, admita que os 100.000 euros foron cartos tirados e que amañe o problema dunha vez por todas”.

 

Navia, “abandonada”

Os populares afean así ao rexedor socialista “que mire para outro lado e que teña o concello totalmente abandonado”. Proba delo é que a estas alturas as rúas estean sen limpar e as estradas sen desbrozar.

 

 “A imaxe de Navia é totamente negativa. Servizos básicos como é o da auga está como está e as rúas sucias. Non se pode permitir tal irresponsabilidade. Os veciños non o merecen”, conclúen.