O PP Vilalba esixe, á maior brevidade posible, unha explicación exhaustiva por parte do equipo de goberno e a busca do máximo consenso ante unha decisión sobre a céntrica rúa da Pravia “que leva varios días pechada ao tráfico de vehículos causando prexuízos non só aos negocios afectados polo descenso da actividade comercial na rúa; senón tamén a tódolos veciños do noso municipio porque se trata da principal conexión da nosa vila”.
A situación de malestar é notoria “porque parte ao pobo en dous”, e “está xerada pola falta de información do goberno local”, demostrando con elo, advirten dende o PP, “unha prepotencia sen procedentes por parte da alcaldesa, xa que da súa decisión unilateral non informou a ninguén”. Por este motivo, o Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba vén de rexistrar a solicitude de convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo ou da Xunta de Portavoces para informar sobre a situación da rúa da Pravia. Así mesmo, pide ao goberno local aportar a documentación técnica, urbanística e viaria ao respecto.
Decisión “de costas aos vilalbeses”
Os populares -que estiveron presentes na concentración diante da Casa da Cultura previa á reunión dos comerciantes co equipo de goberno á que non se lles permitiu o acceso- manifestan a súa preocupación por esta situación e lamentan que “o goberno local actúe de costas aos vilalbeses, tomando decisións unilaterais e sen dar explicacións aos veciños. Non se pode concibir que o goberno municipal tome decisións de calado para Vilalba e todos os vilalbeses como é a circulación de vehículos por unha das rúas máis céntricas e de maior actividade comercial sen manter ningún tipo de diálogo cos veciños e cos sectores afectados”.
Arteria principal do tráfico na vila
A rúa da Pravia é unha das principais rúas comerciais de Vilalba, pero tamén constitúe unha das principais arterias de comunicación da capital chairega. Por ese motivo, estes días que estivo pechada ao tráfico supuxo distintos problemas para a circulación de vehículos tanto para os veciños coma para os visitantes, especialmente os que empregan a rúa da Pravia como entrada á vila. “O goberno local ten que ter en conta a opinión dos veciños e comerciantes á hora de tomar este tipo de decisións que afectan ao día a día dos vilalbeses e á actividade económica de varios negocios de Vilalba”, manifestan.
Un goberno local alleo á realidade dos veciños
Os populares critican a actitude do goberno local que “permanece alleo á realidade dos veciños non só nesta cuestión; senón que tamén lle dá as costas aos afectados pola pandemia ao permanecer paralizadas as axudas ao tecido económico a pesar de aprobar as súas bases nun pleno extraordinario solicitado pola oposición”.