Con frecuencia, as obras rematan da mesma maneira que se desenvolveron. Isto é o que ocorre coa reforma do Fogar de Santa María, que foi un exemplo de falta de rigor na súa programación, de maneira que se retrasaron uns dous anos e tiveron un considerable incremento de custos con respecto ás previsións iniciais. Pois, como punto final, o traslado das distintas dependencias da Deputación que se asentarán en Santa María, pode chegar a custar ata 54.000 euros, segundo as condicións fixadas polo goberno provincial para a contratación destes traballos. O grupo provincial popular considera moi chamativa a citada cantidade e di que unha parte das tarefas de traslado poderían ser asumidas por servizos propios da Deputación, que conta con persoal e vehículos para levar a cabo polo menos unha parte destas tarefas. Hai que lembrar que o bigoberno provincial concedeu tres prórrogas para a execución dos traballos proxectados nos pavillóns un e dous. Os traballos arrincaron cun orzamento de 1,1 millóns, que se incrementou en 500.000 euros debido ás modificacións do proxecto.
O deputado popular Óscar Poy revisou esta mañá o expediente da contratación da mudanza a Santa María e di: “Realmente é un punto final apropiado para o desbaraxuste que foi todo o relacionado coa reforma deste complexo, debido a deficiente xestión levada a cabo polo goberno presidido polo socialista José Tomé. Despois de dous anos de retrasos e dun incremento de costes de aproximadamente un 40%, chega o momento do traslado e atopamos que pode custar máis de 50.000 euros. É un remate digno da traxectoria seguida por este asunto”.
Poy opina que “é a gota que colma o vaso do despropósito”. Di: “O goberno provincial fala moito de facer as cousas con medios propios, pero á hora da verdade contrata todo o que pode. No caso da mudanza a Santa María, seguramente haberá algunhas cousas que sería necesario encargar a unha empresa, porque pode ter algúns medios dos que careza a Deputación, pero estou totalmente convencido de que unha parte importante poderían asumila os servizos da Deputación, entre eles o Parque Móbil”.
Segundo as condicións fixadas, o prazo máximo para o traslado é de dous meses, salvo para o servizo de Recadación, que é dunha semana.