Partido Popular de Lugo

Alta participación dos lucenses na recollida de firmas promovida polo PP na capital da provincia contra o indulto aos condenados polo “procés

O Partido Popular de Lugo recolleu sinaturas ao longo desta mañá, na carpa que instalou na Praza Maior da capital lucense, contra os indultos que prepara o Goberno, presidido por Pedro Sánchez, aos condenados polo procés. Participaron, entre outros, a presidenta provincial do PP, a deputada autonómica Elena Candia, e o portavoz popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, tamén deputado autonómico.

 

Os líderes populares sosteñen que, contrariamente ao que asegura Sánchez, non é magnánimo ceder á chantaxe. Para o PP, agora que se coñece que o primeiro paso da folla de ruta dos independentistas é a concesión dos indultos, é evidente que non hai xustificación xurídica para o indulto.

 

Os populares din que o valente neste caso é estar ao lado dos constitucionalistas, e parece que Sánchez só é magnánimo con quen quere romper España. Candia e Carballo consideran que a recollida de firmas é un éxito, que demostra que os cidadáns de Lugo queren un goberno centrado no interese xeral e non nas peaxes políticas.

 

Candia, pola súa parte, destacou que a recollida de sinaturas constitúe un momento de proximidade aos cidadáns, que, ademais de servir para a recollida de sinaturas, serviu para recoller suxestións e aportacións dos lucenses. Foron numerosos os cidadáns que non deixaron pasar a ocasión de expoñer queixas en relación coa xestión do goberno local con respecto a distintos asuntos de interese público.

 

Ramón Carballo, polo seu lado, anunciou que o PP presentará no Concello de Lugo unha moción “para que tanto a alcaldesa, Lara Méndez (PSOE), como o nacionalista Rubén Arroxo se posicionen e os cidadáns saiban se están do lado dos demócratas que defendemos a Constitución ou a favor dos que non respectan as leis nin a convivencia entre todos os españoles en igualdade de condicións”. Carballo destaca que a sociedade lucense maniféstase en contra do que “non deixa de ser unha chantaxe co único fin de manterse unha tempada máis na Moncloa”.