Partido Popular de Lugo

O PP de Foz faise eco das queixas dos veciños polo retraso do Concello en rozar as áreas recreativas, os paseos, o polígono industrial e as estradas municipais

Hai accións de goberno que necesariamente se repiten cada ano. Polo tanto, son accións totalmente previsibles e que a ninguén collen por sorpresa. É o caso da necesaria roza da maleza cando chega a primavera e o verán. Pois ben, o goberno municipal de Foz, presidido polo socialista Fran Cajoto, foi incapaz un ano más de programar debidamente as tarefas de roza e agora choven as críticas tanto dos propios focenses como dos visitantes. O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis o grupo municipal do PP ten que facerse eco das queixas de moitos veciños e visitantes do concello de Foz, que ven como  o municipio está sen desbrozar en zonas tan importantes como son  as áreas recreativas vinculadas a praias ou ámbitos como o Bispo Santo; tamén os paseos e, sobre todo, a zona rural. As parroquias ven como a maleza invade as nosas estradas e tamén as da Deputación que pasan polo noso concello. Este problema dáse tamén no polígono industrial; foron moitos os usuarios do polígono  que nos pediron que demandáramos do Concello que envíe persoal para rozar”.

 

Castiñeira di que a situación que describe “é froito dunha política de xestión lenta, que chega tarde, dun goberno contaxiado pola parsimonia do alcalde, que está prexudicando a moita xente, e danando a imaxe do noso concello”. Sinala: “A proba do que di o PP é a contratación dun vixiante medioambiental.  Temos que recordar que o goberno de Foz ten dez concelleiros, tres deles asalariados e entre todos non son capaces de facer un traballo que agora teñen que contratar.  Noutras épocas era o propio concelleiro o que facía  de vixiante, pero parece que agora, con dez concelleiros, non chega. Vemos ben que se contrate persoal pero para traballos útiles; está vixilancia ben a pode facer perfectamente o equipo de goberno e así podería contratar a alguén para facer labores medioambientais como o que pedimos neste momento: a roza”.

 

Castiñeira insta “aos señores do equipo de goberno do Concello a que fagan o posible para rozar canto antes os paseos, as áreas recreativas, as parroquias e o polígono industrial”.