Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca que “a sexta ruta marítima xacobea Navega o Camiño sae do porto de Ribadeo”

O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “a sexta edición da ruta marítima xacobea ‘Navega o Camiño’ sae do porto de Ribadeo, un dos portos galegos máis importantes”. E, a ese respecto, agradece “ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda; á conselleira do Mar, Rosa Quintana; e á presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; a súa aposta por Ribadeo e por estar do lado dos ribadenses”.

 

Vega pon en valor esta iniciativa ao considerar que “en momentos tan complexos coma os actuais necesitamos inversión e promoción do noso”. Nese sentido, subliña a participación dun barco da Xunta no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos para promocionar a costa e os portos. “É importante que falen ben da nosa vila e do noso porto nos distintos territorios a nivel mundial”, asegurou.

 

O popular pon tamén en valor a compoñente social desta travesía pola costa galega na que participará Ángela Pumariega, gañadora dunha medalla olímpica, liderando a tripulación doutra das embarcacións integrada principalmente por mulleres. Outro dos participantes na ruta ‘Navega o Camiño’ pola costa galega será un barco de vela adaptado coordinado por Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), asociación á que o voceiro do Grupo Municipal traslada o seu agradecemento “polo importante traballo que desenvolven no seu día a día”.

 

Reactivación da economía local

Non é a primeira vez que o Grupo Municipal Popular defende a necesidade de reactivar a economía “nestes momentos tan complexos que estamos a vivir. E precisamente por iso, seguimos traballando e defendendo que temos que estar moi unidos para desenvolver accións na procura da reactivación económica da nosa vila. Seguiremos coordinando iniciativas nese sentido”, dixo o popular.