O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “a Xunta achegou a Ribadeo 144.000 euros dentro do primeiro plan de rescate e ata 368.700 co segundo, o que supón máis de medio millón de euros en axudas directas ao sector hostaleiro”. Ademais, “aportou 184.830 euros en axudas aos establecementos de hostalería para a compra de material -envases para entregar consumicións para levar que no momento no que estiveron pechados lles permitiu manter certa actividade- ou para a realización de obras -a adecuación de terraza no exterior dos establecementos-. Son un total de 697.530 euros os que leva aportado a Xunta aos bares e restaurantes de Ribadeo contribuíndo así a reactivar a economía da vila”, segundo considera o portavoz.
Vega avanza que “a Xunta está a preparar xa o terceiro Plan de rescate” e, nesa liña, “continuaremos do lado do noso tecido económico local igual que ata o de agora que estivemos informando e asesorando aos negocios ribadenses para que puideran solicitar e optar ás axudas da Xunta para o rescate dos sectores afectados pola crise da covid-19”.
De feito, o popular avoga polo “traballo conxunto” ao considerar que se trata dun “deber das administracións e dos grupos políticos da corporación ante estes momentos complexos e difíciles” debido ás consecuencias negativas da pandemia a nivel económico e social.
O BNG dixo catro veces que non ás axudas directas por parte do Concello
Vega sinala que “dende o Grupo Municipal Popular estamos traballando pegados á realidade”. Pola contra, “botamos en falta axudas directas aos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia por parte do goberno local do BNG”. De feito, lembra que “votaron que non en catro ocasións á nosa proposta para poñer en marcha un plan de reactivación económica local que incluíse axudas directas coma as establecidas por outros Concellos”. Así mesmo, critica que “tampouco fixo nada do que quedou de facer porque anunciaron a suspensión temporal dos recibos da auga e do lixo, pero seguen chegando”. Nese sentido, o voceiro popular pide que “tan sequera, eliminen temporalmente os impostos”.