Partido Popular de Lugo

Elena Candia avoga “pola produción sostible, o ecoturismo e a economía verde” para impulsar o rural

A deputada autonómica e presidenta provincial do PP, Elena Candia, visitou este venres o ecomuseo El País del Abeyeiro situado no monte de Outarelos, en Negueira de Muñiz. A popular visitou este lugar, acompañada da voceira do PP neste municipio, Sonia López, e a deputada Encarna Amigo co fin de coñecer este proxecto que, dixo, “é un exemplo da posta en valor do ecoturismo e da produción sostible”.

 

Deste xeito, Elena Candia, gabou “o bo facer” do seu propietario, pois “como voceira de Medio Rural no Parlamento de Galicia creo que as administracións deben apostar por iniciativas coma esta que son unha boa mostra de como vivir no rural pode ser rendible e é unha oportunidade”.

 

Neste contexto, a deputada autonómica sinalou que, con motivo dos fondos Next Generation, a Xunta de Galicia “xa está a facer os deberes”. O Goberno galego presentou perante o Goberno central distintos proxectos para dar resposta a catro grandes retos como son a transición ecolóxica, a transición xusta, a dixital e a loita contra o despoboamento e o desafío demográfico.

 

Trátase, sinalou, “de identificar iniciativas que persigan o desenvolvemento do emprendemento no rural, dinamizando demográfica e economicamente concellos tan pequenos como o de Negueira de Muñiz”. Neste senso, engadiu: “temos que ser capaces de reforzar a sostibilidade das explotacións e o impulso da economía verde e da bioeconomía, aumentando a súa produción baixo selos de calidade diferenciada”.

 

 

O valor do tradicional

El País del Abeyeiro, creado en 2010, é un espazo dedicado ás abellas e ao mel, que ten como base da súa existencia a recuperación tradicional da fabricación deste produto, respectando o medio ambiente e o contorno. Dende 2019 conta cun ecomuseo no que se pode apreciar a natureza, a entomatoloxía, a botánica, as tradicións e a paisaxe da zona.

 

O titular deste proxecto dispón de 200 colmeas. Ademais da recolección do mel que extrae destas albarizas, tamén fabrica polen, propóleo ou cera. A súa produción, ademais de a particulares interesados, tamén a distribúe en tendas gourmet e de delicatessen situadas, sobre todo, no principado de Asturias.