O grupo provincial do PP segue comprobando o estado da rede de estradas dependente da Deputación de Lugo. Nesta ocasión, estudou como se atopan as vías provinciais no termo municipal de O Courel, que, en síntese, é pésimo.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O grupo provincial do Partido Popular recorreu as estradas provinciais de O Courel, un municipio que conta co Xeoparque Montañas do Courel, que ten ademais unha parte na Ribeira Sacra e tamén está pendente de que sexa declarada Patrimonio da Humanidade, declaración que foi retrasada; igualmente está pendente da declaración de Reserva da Biosfera. Estamos a falar dun entorno, dun patrimonio natural espléndido, polo que ten que velar a Deputación de Lugo. Dicimos isto porque o estado das estradas dependentes provinciais neste concello é pésimo e iso ten unha influencia decisiva no sector do turismo e estamos en época de velar por esta fortaleza da economía”.
Os populares destacan que O Courel é un dos grandes valores paisaxísticos e naturais da provincia, e, polo tanto, unha zona que recibe numerosísimos visitantes e que ten no turismo un dos seus grandes potenciais. Castiñeira declara: “Unha das estradas en mal estado, que conduce a un lugar de especial interese turístico, é a LU-P 1303, que leva á Devesa de Rogueira e as zonas xeoloxicamente máis importantes, como Visuña: outra, é a LU-P 1304, que leva ao túnel romano de Romeor, ou a LU-P 1306, pola que se chega a aldea de Seceda, que está declarada como BIC; a LU-P 4701, que conduce a aldea de Froxán, tamén BIC”.
Castiñeira destaca que “o moi deficiente estado das estradas crea moitísimas dificultades na zona con máis gandería, como é o caso da que se sirve fundamentalmente pola estrada LU-P 4501, que dá acceso a Teixeira”.
Os populares lembran que dende o Concello, como destaca a alcaldesa, solicitaron o amaño desas estradas; pola súa parte, o grupo provincial popular levou varias iniciativas ao pleno da Deputación. O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, chegou a dicir á alcaldesa de O Courel que se metía en competencias doutros concellos porque pedía o arranxo do tramo da estrada LU-P 1301 que pasa por Pedrafita, que é un dos accesos principais ao municipio.
Castiñeira sinala: “Seguimos pedindo ao goberno da Deputación que amañe estas estradas e que vele polos intereses turísticos e económicos dunha zona tan importante como é O Courel, que precisa apoio”