Partido Popular de Lugo

O PP de Foz apoia as reivindicacións dos veciños de Forxán e reclama ao goberno local o mantemento das áreas recreativas de Bispo Santo e da praia de Peizás

O PP de Foz transmite unha vez máis queixas de veciños pola falta de mantemento dos espazos públicos municipais. Nesta ocasión, o portavoz municipal dos populares, Javier Castiñeira, faise eco “das reclamacións dos veciños de Forxán, polo mal estado das áreas recreativas deste barrio de Foz”. Explica que “son dúas áreas recreativas moi significativas; concretamente as de Bispo Santo e a da praia de Peizás, cos seus merendeiros e demais equipamento”. 

 

Os populares din que “por todas partes está altísima a herba”. Engaden: “Dá pena ver a do Bispo Santo, onde en circunstancias normais en poucos días deberiamos celebrar a romaría, pero que non se celebre non e desculpa para que estea totalmente abandonada”.

 

Castiñeira sinala: “Esas áreas úsanse para facer deporte ou para descansar e non poden seguir no estado no que se atopan.  A de Bispo Santo está totalmente abandonada; as mesas de pedra rotas cos bancos tamén roto; incluso nin se podaron as árbores este ano. É un abandono absoluto por parte da área municipal de Medio Rural, que leva o BNG, que vai en sintonía co traballo do bipartito, que dende hai dous anos decidiu practicamente non facer mantemento das zonas verdes”. A queixa pola falta de atención ás zonas verdes foi exposta polos populares no pasado pleno, “ao que levamos un rogo para que se pintasen con  lasur todos os elementos de madeira que hai (varandas, xardineiras, pasarelas, etcétera) que están en moi mal estado; a imaxe que dan estas áreas, nestes fins de semana, nos que estiveron tan concorridas, é penosa”.

 

Castiñeira sinala: “Os veciños de Forxán viron pasar as festas sen que se levaran a cabo os traballos de roza e coa parroquia absolutamente abandonada, algo que afeamos ao goberno municipal do PSOE e do BNG e reclamámoslle que repare as deficiencias indicadas”.